mobile-fog-basketball

San Agustín recomendaba «solvitur ambulando», é dicir, saír camiñar para poder despexar a mente e optar por unha das posibilidades. Agustín de Hiponia nacera no norte de Alxeria, polo que o seu mundo era de paso longo e ollada ancha. Eu non podería resolver nada erguendo o queixo porque vivo en Lugo, unha cidade que ten a néboa como un dos seus estados de ánimo habituais. Esa limitación que recurta a mirada ten a parte boa de que axuda a concentrarse mellor. A brétema responde a un concepto románico, de igrexa pequena e escura que nos encolle ante a grandeza de Deus. Estando no tránsito desconcertante da adolescencia, decidín que sería Larry Bird. O xogador da NBA conseguiu tres campionatos cos Boston Celtics nos anos 80. Ao cabo, daquela os dous eramos pálidos e loiros. O meu bigote empezaba a asomar cunha forza prometedora de que acabaría sendo dourado coma o seu. A determinación empuxoume a adestrar nunha cancha cercana á miña casa durante horas roubadas, non ao soño, senón ao bacherelato. A miña fantasía foise derretendo co calor dos anos. Logrei manterme sanamente afastado do deporte durante máis de trinta anos. Hai unhas semanas animeime a volver. Unicamente durou unhas horas, pero resultou incómodo; como a néboa no Fiouco. O médico recomendoume descanso para a tendinite.