PANADEIROS ADVENTISTAS DO SÉPTIMO DÍA
Aquela mañá mandáranme entrevistar na tardiña á superiora da clausura dominica de Lugo, non lembro o motivo; asomou cunha voz enclaustrada tras a opacidade do torno e presenteime e ela suspirou un berro que dicía: "¡Ah, es usted periodista! ¡No queremos saber nada con los periodistas!" ou algo igual de cristiano e misericordioso. A Igrexa católica sempre foi unha canalizadora experta de inmensas cantidades de información (pensa nos mosteiros medivais); pero rexeita todo coñecemento ou noticia que non pase polo seu nihil obstat. O arcebispo de Santiago pertence a esa Igrexa Pedes in Terra ad Sidera Visus que determinou durante séculos as gracietas que nos podían facer graza e as que debían irarnos, e pretende seguir vixilando o movemento dos nosos queixos e dos nosos beizos; o arcebispo, dicíache, está enfadado con Alberto Guitián porque pintou un papa conducindo inocente e borrachamente un papamóbil de trampa e cartón. Non faltaron os reforzos para este poderoso aquí, na Terra, como no Ceo vido a menos na sacrosanta figura de Paula Prado, a señora dos "regalos de la hostia" (perdoa a blasfemia, pero a católica Prado fala así de torto), que para recibir bolsos incorruptos como o brazo de Santa Teresa é agnóstica e para criticar un chiste, é crente, para desafiar en plan puxilato de rapeiros ao alcalde da Coruña (non sei que ten que ver nisto, pero Prado cítao) a que se escarnie e se maldiga o Islam. Ben, como razoamento non vai lonxe; pero ese foi. A esta fronte antihumor co noso sumouse Abogados Cristianos, que teñen un talante conciliador e resignado e din que "se aprovechan de los cristianos, que en vez de volar a los autores ofrecemos la otra mejilla", o que é unha tranquilidade para Charlie Hebdo, para Guitián e para as compañías aéreas.