Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
24 mars 2017

O RAPAZ QUE PERDEU A COR POLA SOEDADE

 

mura

 

A ACROBACIA de Haruki Murakami como escritor consiste en dar un pinchacarneiro de costas e acertar a caer nese punto do mapa literario equidistante entre o popular e o intelectual, entre o emocional e o afectado, entre o fantasioso e o crible. Calquera ten unha opinión sobre o autor xaponés; rexeitadora ou devota, pero tallante. Hai páxinas web pro e anti Murakami en tal cantidade que é o escritor cun maior aparato crítico producido por lectores viandantes de modo espontáneo.
Unhas semanas atrás falei sobre Murakami con Marta Martuka. Dialogamos a través de Facebook, que é o mellor espazo para relacionarte con persoas concretas na medida na que os teus intereses coinciden cos seus, sen as cargas dos encontros persoais. Deduzo que ela vive en Canadá e sei que estudou francés en Lugo porque mo contou. Marta Martuka opina que El año de la peregrinación del chico sin color (Tusquets) é o peor libro de Murakami. Coméntoo porque os detractores poden cebarse nese título como noutro calquera, pero podo fiarme dela porque lle gusta a literatura do xaponés.
O mércores almorcei con esa novela. Non é que me fie de Marta Martuka, é que lin todo Murakami e ese título se me pasara de longo nalgún desvío. O libro comeza falando sobre a morte. O rapaz sen color desexa extinguirse, repentina e completamente como se fose un tiranosaurius rex. A causa é que os seus catro amigos de adolescencia cesaron de falarlle de súpeto e sen explicacións. El quere superar ese horror cunha morte igual de instantánea e perfecta como o silencio. Ata onde lin todo é característico do novelista nipón: morriña da adolescencia, amizade e suicidio no Xapón moderno.
A conciencia dunha morte próxima é terrible. A situación que estás vivindo nos meses anteriores paréceche a mellor posible: o teu traballo, o teu amor, a túa familia,... son esferas ideais. Non entendes a lóxica de ter que renunciar a todo —e de que todo renuncie a ti— para desaparecer.
Todo ese empeño de destrución é un sinal de que se está vivo. Le Monde entrevistou o martes ao cineasta Aki Kaurismäki, quen dixo que «o home está tolo precisamente porque pensa». Kaurismaki pode facer está enmenda á totalidade a Descartes a un periódico francés —que pensa, daquela existe— porque ser un mito impórtalle debilmente.
A Murakami si que lle interesa ser un mito e cultiva na súa reserva e no seu correr cen quilómetros en solitario, unha aura enigmática e trascendente. Certo que na súa literatura hai enigmas sorprendentes e amores fascinantes e irreproducibles se se superou a adolescencia, pero están baleiras de grandes ideas; son bonitos artefactos pop.
Pero Murakami non buscou ser un mito. Era o anodino dueño dun club de jazz calquera e escribira un par de novelas e traducira para o xaponés escritores norteamericanos con nomes que escribirías a cegas nunha listaxe sen pensala. Pero un día de 1987 baixou dun avión no aeroporto de Tokio e había ducias de lectores adolescentes berrando o seu nome como se fose Elvis.
Durante esa breve baixada de escaleiras colleu conciencia de que pasara, sen atrancos da realidade, de ser un viaxeiro de clase turista de terceira a ser unha lenda. Na novela Norwegian wood acertara a mirar aos ollos á alma do seu país e falarlle coas palabras que acariciaron o oído emocional dos xaponeses.
Manuel Murguía tamén deu co ton axeitado para cantar a Galicia. A parte negativa é que non o conseguiu coas obras que lle dedicou ao país, senón manipulando a imaxe da súa muller. «Dispuxo de catro décadas para pensar o que facía», comenta María Xesús Lama, a profesora de literatura na Universitat de Barcelona que vén de publicar Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade 1837-1863 (Galaxia). Referíase Lama aos corenta pasados entre o pasamento de Rosalía e o do seu home. Manuel Murguía detectara que o seu pobo baila cos brazos en alto e suicidase coa mesma entrega, polo que lle ofreceu unha santa co corazón transido por sete puñais. O mito da «gran chorona» medrou coma un encoro de dimensións franquistas. Mesmo intercedeu o bo de Luis Pimentel para pedir que cesásemos na nosa desesperación, «que xa chorou Rosalía por todos».
Ese collerse de mans co seu pobo que consolou a Murguía da frustración de verse superado pola súa muller tráelle sen coidado a Kaurismäki. O director de cine tamén está enfadado co seu país, Finlandia; pero porque non acolle máis refuxiados. Pero Murguía era ambicioso. Colleu unha muller alegre, valente e decidida —tal e como a recordaban os que a coñeceran— para amargarlle as ledicias, e presentala como apoucada e acomplexada. Mesmo logrou atribuírse o mérito de que Rosalía escribise en galego, un idioma que el non usou. O ensaio de María Xesús Lama reforza a lenda de Rosalía e dilúe a lenda de Murguía.
As sociedades necesitan modelos, por falsos que sexan, para poder avanzar. É tan evidente e eterno que pode sabelo un intelectual galego do século XIX ou un escritor xaponés do século XXI.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité