Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
22 juillet 2017

A CONVERSA QUE CALOU FAULKNER COA SÚA NAI

 

faulkner-uva-bw

 

AQUELA TARDE de 1931 a calor húmida pesaba a mala idea sobre a casa de William Faulkner. O escritor miraba á súa nai, sentada na cadeira grande do salón. Falaban de calquera tema, pero Faulkner botaba olladas fugaces á ventá, por riba da Remington coa que escribira dous anos antes a novela Santuario (Alfaguara), aburrido por aquel diálogo intrascendente. O incómodo non era a conversa que estaban mantendo, senón a conversa que estaban calando.
O novelista viña de publicar Santuario. Interrompera o seu costume devoto de agasallar á nai cun exemplar, como fixera coas obras anteriores e como faría coas posteriores. Non foi desprezo nin esquecemento, foi pudor. A muller fixérase co libro pola súa conta. Leuno e, por vez primeira e última, nada lle comentou ao fillo sobre as súas impresións. Así que, para ocultar ese silencio, escoitaba con atención forzada a William contándolle que un cabalo dun veciño toleara por culpa da calor e entrara nun bar da cercana cidade de Oxford. A nai volveu preguntarlle por que se negaba a instalar aire acondicionado naquela casa, en Rowan Oak, e a resposta chegounos por un personaxe de The Reviers: «Xa non hai estacións, os interiores están ideados artificialmente para quedar en 15 graos no verán e 32 graos no inverno, de xeito que os reincidentes coma min deben ir fóra no verán para escapar do frío e no inverno para escapar da calor».
Faulkner e a nai non trataron Santuario porque as inmoralidades son remitidas ao silencio nas xuntanzas das familias sensatas. Trátase de asuntos tan perigosos que nin se tocan. Existe a superstición de que mencionalos é un xeito de revivilos, de salvalos da extinción. Ambos concordaban en que o autor nunca debería ter escrito aquela novela, pero viuse acurralado pola crise do 29 e polo seu recente matrimonio. Así que, para chegar a un público amplio, escribira «a máis horrible historia» que puido imaxinar. A protagonista desa obra tan ensuciada pola barbarie, é Temple Drake, unha rapaza filla dun xuíz, que entra en contacto cuns criminais, sendo violada por un deles. O editor, escandalizado, tardou dous anos en publicarlla. Faulkner aceptou suavizala. En 1931 apareceu a segunda versión, que converteu o novelista nunha figura popular.
A CIG denunciou que a escena do abuso sobre Temple foi escollida o mes pasado para un exame de aspirantes a profesores de Inglés en institutos galegos. O sindicato denunciou que se puxo «nunha actividade dirixida a abordar a problemática da violencia contra as mulleres», pero que se fixo «sen contextulizar». Así, ás bravas. Por unha banda, entendo que os opositores son maiores de 18 anos e presumo que coñecen a narrativa visceral de Faulkner. Por outra, supoño que a literatura inglesa ten abondas pasaxes que plasman a cuestión con menos brutalidade que a practicada polo gángster Popeye contra unha moza de 17 anos.
André Malraux considerou que Santuario era «a entrada da traxedia clásica na novela negra», pero os dramaturgos gregos ambientaban as obras no caos para conducilas cara á orde.
Os exemplos de redención eran aprezados en Grecia. Por exemplo, Pausanias conta que os atenienses conservaron a pel do profeta Epiménides en agradecemento a que os liberara dunha epidemia grazas á súa mestría en facer sacrificios nos santiarios. Gardárona porque pensaban que era un xeito de manter a súa sabedoría con eles. A decisión foi discutida porque aquela pel estaba chea de tatuaxes que representaban letras. Daquela, soamente se tatuaba aos escravos e esa condición era incompatible coa de profeta. Epiménides gravárase uns símbolos iniciáticos de relixións chamánicas propias de Asia central, pero non estaba vivo para contalo.
A conservación de supostos restos orgánicos de santos non é soamente pouco fiable, senón marcadamente repugnante. Agradezo que do corpo de Rosalía de Castro conservemos unicamente un guecho. A Deputación da Coruña deu eses cabelos á fundación dedicada á autora esta semana.
A entrega tivo a solemnidade e o sosiego preciso, polo que non deixou de recordarme a turbulenta translatio dos restos de Castelao dende Bos Aires a Galicia. Supoño que lembran aquela calorosa tarde na que o mes de xuño de 1984 estaba morrendo sobre Santiago de Compostela. Posiblemente non recorden os discursos, pero seguro que conservan a imaxe dos policías vestidos de marrón «desprazando a masa manifestante» —que diría o exconselleiro Diz Guedes— formada por nacionalistas que consideraban unha «manipulación» por parte da Xunta de Fernández Albor aquela viaxe de retorno.
Valentín Paz Andrade describía o xeito de andar de Castelao como o propio «dun mariñeiro sobre cuberta». Como se fose unha danza ritual, ese movemento torpe e confuso foi reproducido polas persoas que levaban o cadaleito do político galeguista cara ao santiario do Panteón de Galegos Ilustres. Apelemos ao poder do mito para comprender por que eran zarandeados por cargar cunha caixa que levaba, na escuridade da morte, unhas reliquias que apodreceran 34 anos antes.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité