Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
6 août 2017

NUNHA PRAIA NUDISTA, CUBERTO POR TOLSTOI

Midnight-Cowboy-9

 

A PASADA FIN de semana vinme conducido a unha praia pola miña familia. É sabido que as clases medias que habitaban a Cova Eirós, en Triacastela, decidiron acabar cos clans e organizarse en familias. Nese momento, a liberdade individual foi botada á sima onde se lanzaban os animais enfermos e os cadáveres dos vellos. Cando eu era un rapaz e veraneaba en Foz, éramos tantos —sumando avós, tíos pais e fillos— que nos coordenábamos coma un clan e non coma unha familia. Eu agradecíao porque podía esconderme na penumbra da casa para ler a Jules Verne sen que ninguén me botase en falla na Rapadoira, a praia luminosa á que me encantaba ir xogar ao béisbol nos días grises, eses que non contan no calendario estival.
Hai dous sábados entrei no coche da miña familia en Ribadeo e emerxín vinte quilómetros máis aló, en Santa Gadea, que é un areal asturiano de forma semicircular, como era o Pnyx, a plataforma na que se reunían os atenienses para debatir e votar democraticamente. Santa Gadea ten sona de ser unha praia nudista; unha característica que, neste momento septembrino da miña vida, todo o que me excita é o pudor.
Baixei ao areal cun fragmento de tea que tapaba a miña convención social, algo tan ridículo que nunca se lles ocurriría facer na Cova Eirós. Atopei alí o meu veciño Fidel. Estaba sentado nunha cadeira de praia e tamén cuberto a discrección, polo que puiden mirar o libro que estaba lendo: Los hermanos Karamazov (Alba),de Dovstoieski. Nese momento, púxenme colorado e apretei os brazos contra o corpo. Fidel miroume sorprendido. Baixou a vista para comprobar que levaba bañador e pareceu non entender nada, pero calou porque ten unha educación ben asentada. Despedínme del atropelando unhas palabras con outras.
Pouco despois, dei unha excusa incoherente á miña familia e busquei un curruncho entre as rochas para poder ler a novela que levara para distraerme: Anna Karénina (Penguin Clásicos), de Lev Tolstoi.
Descoñezo os motivos de Fidel para ler a Dovstoieski, pero eu fágoo con Tolstói porque Milena Busquets afirma que, para ser elegante, hai que ler os rusos e eu aspiro a ser elegante, cando menos moralmente elegante.
O meu horror no encontro é que empecei a sospeitar que a vida de Fidel pode ser paralela á miña e que el tamén foi sometido pola súa familia: esa institución na que as minorías non son libres, senón que se entregan á obediencia da vontade maioritaria. A familia reúnese no Pnyx e vota: Hai que ir á praia? Vaise e punto.
Xa concreta Paul Renard que «o home verdadeiramente libre é o que rexeita unha invitación a cear sen dar explicacións». Non atendo o seu consello porque a vida é unha mestura de esperanzas e temores, e resulta máis fácil alimentar as esperanzas e enfrontar os temores nesa cova protectora que é casa familiar.
O martes estaba so en Lugo. Foi o día dedicado a esa tribo que convimos en chamar Galicia. Estaba intranquilo, como en Santa Gadea, porque volvera constatar que a esquerda nacionalista galega é a partícula máis divisible do universo e o clan celebrou a xornada repartida en familias. De quitada a UPG, o resto dos militantes desafían á soedade.
Non daba durmido, polo que busquei unha película en TCM. Apareceu Midnight Cowboy, con Dustin Hoffman facendo de Ratso, un buscavidas gangoso e coxo, e con Jon Voight no papel de Joe Buck, un pailán cun físico que fascinaría en Santa Gadea. Como ambos os personaxes non teñen a quen recorrer nunha Nova York miserable e fría, forman unha familia sen chegar a transformala en parella. Milena Busquets confesa en Todo esto pasará (Anagrama) que envexa a amizade entre homes. As amigas viven a súa relación «como un noviazgo eterno, accidentado, intenso y pasional; mientras que lo de ellos se suele parecer máis a un matrimonio bien avenido, sin grandes emociones, pero sin grandes altibajos».
Picasso e Guillaume Apollinaire sostiveron unha amizade simple e masculina cando os dous eran anóminos superviventes en París. Fernando Colomo fala desa amizade na película La banda de Picasso, unha comedia estruturada arredor da inculpación dos dous artistas como ladróns de La Gioconda no Museo do Louvre. Colomo manda xestualizar aos actores como se interpretasen cinema mudo e sube o volume da música a un nivel insufrible, pero acerta a facer brillar o seu guión cincento cunha frase real de Picasso: «Os mediocres copian, os xenios rouban».
 tamén é unha historia de ambición, dun pícaro que soña con vivir nun lugar no que a temperatura non baixe de 20 grados e dun gigoló que soña con triunfar a base de deitarse con ricas. Ratso trata de enganar varias veces a Joe Buck ata que se dá de conta de que son unha familia, de que precisan un doutro para poder sobrevivir fóra da cova, un apartamento cotroso.

Publicité
Publicité
Commentaires
A
bufff
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité