Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
28 octobre 2017

NOSTALXIA DE TODOS OS POSTOS FRONTEIRIZOS

franciscoumbral

A MIÑA NAI chámase Itziar, pero un funcionario dos anos 30 cunha ringleira de formigas camiñándolle sobre a boca dedidiu que Itziar non era un nome, era un ladrido vasco. O señor gris perla improvisou un bautismo civil e secreto, como se ela fose criptoxudea. Puxo María Jesús na partida de nacimiento e esmagoulle o selo da aguia coa cabeza virada.

Ignoro o nome que figuraba no carnet de identidade de Francisco Umbral, que se chamaba, de nome burocrático, Francisco Alejandro Pérez; pero a miña nai optou por Itziar como opción costumista ata oficializalo. Umbral non escolleu por costume, senón por estética.
Estes días acordei do meu país de orixe lendo Mejor la ausencia (Galaxia Gutenberg), a novela contundente, impiadosa e necesaria de Edurne Portela. «La dire del cole es monja. Me llama María. Yo les digo que me llamo Amaia. Ella dice que en mi carné pone María. Ella dice que Amaia no es nombre cristiano», escribe.
Cando viaxabamos dende Ribadeo a Bilbao, no Nadal, era habitual que cruzásemos a Francia para respirar modernidade, liberdade, variedade e outras emocións acabadas en -ade. Amaia, a personaxe de Portela, tamén cruza a aduana: «Llegamos a las casetas donde están los señores con metralletas. Aita (papá) saca los cuadernitos y se los enseña al señor. Otro señor se acerca a la ventanilla de Ama (mamá) y mete la metralleta dentro. Ama le dice, por favor, que hay niños». Eu vivín esa mesma escena, pero o policía tivo a deferencia de explicar á miña nai, Itziar, que levaba posto o seguro. «¡Pues a mí eso no me tranquiliza!». E o home de gris marengo apartou a arma. Para min, pasar a fronteira era unha aventura.
A miña infancia, galega, estivo protagonizada por homes vestidos de cores. Todas as primaveras do franquismo tardío un señor de verde oliva timbraba na miña casa. Levaba un chapeu negro de charol, que brillaba como o pelo do funcionario que bautizou a Itziar pola súa conta. O ritual era sempre o mesmo. Preguntaba ao meu pai polo seu nome. Francisco. Pola súa idade. 47 anos. Pola súa profesión. Profesor de instituto. Preguntaba polo nome da miña nai. Itziar —Icíar, escribía el—. Preguntaba pola idade. ¿Y para que quiere usted saber mi edad?. Profesión. Sus labores. Pasaba un ano e o señor volvía co seu sombreiro lustrado. Os datos dos meus pais non cambiaban dun ano para outro, pero el volvía anotalos remangando leve e marcialmente a chaquetiña verde.
Nunca coñecín a menor participación política dos meus pais, pero a Eduardo Iglesias de Río, que chegara a gobernador civil de Lugo tras ser un impoluto falanxista e piadoso combatente na División Azul, debía de parecerlle que «por se acaso».
A novela de Edurne Portela fala da indeferenza cruel dun profesor de Filosofía de Santurtzi cando Eta mata un concelleiro socialista na vila. Despois de advertir que o crime non ten nada que ver coa súa actividade docente, o profesor lánzase a explicar a Schopenhauer, como se aquel asasinato non tivese relación co mundo como vontade e representación. A obra tamén fala das pintadas aterradoras fronte a domicilios sinalados, fala dos veciños aos que se ignora porque padecen de ser españolistas. Pero Mejor la ausencia abre o foco para atender á tortura —protocolizada durante a dictadura— e a chulería por razón de Estado.
Lendo a Portela lembrei tantas cousas desagradables, que sentía unha man agarrando o meu esófago, pero a calidade e o estupor desa novela son excepcionais.
Despois de lela pensei nos camiños inversos seguidos por Cataluña e por Euskadi na pulsión soberanista. Galicia renunciou a entrar na desputa, e, polo tanto, ao balance de perdas e ganancias.
Os contemporáneos que pensaron mellor o noso nacionalismo foron Beiras e Ferrín. Ambos os dous teñen unha base intelectual ampla e gala, aínda que o pensamento francés nunca estivo ben visto en Galicia, onde mitificamos os labregos asustados e toscos que formaron as alarmas. Ferrín fai unha lectura heideggeriá e lírica da patria como supremacía colectiva. Beiras é un niestzhchián que usa o pensamento político como texto dramático para os seus soliloquios. O curioso é que Ferrín soña con ser o mariscal dun exército e soamente lidera un batallón literario como o de 1808, e Beiras, que unicamnente desexa escoitarse, é seguido por unha milicia de convencidos os que repudia cada vez que logra un éxito.
Manuel María paréceme máis coherente. O poeta foi aristócrata rural, un Tolstoi que arremetía contra a clase media como se non pertencese a ela. «Hai que ser nacionalista en todo menos no viño», aseguraba con inocencia carlista.
Para comprender as turbulencias históricas que estamos atravesando, agarreime a Amado siglo XX (Austral), de Francisco Umbral. O señor da bufanda branca morreu agostando o ano 2007, hai dez anos. Empuñaba a ironía para distanciarse de banderíos e convicións sólidas. Loubaba a Ortega apuntando que «eso de tomarse las cosas a broma, evitando siempre los planteamientos radicales, parece que debe llevar a un derechismo paseante, diletantista y perezoso.» Amado siglo XX publicouse no ano da súa morte, pero lese como se un señor gris perla estivese na Moncloa e outro no Palau.

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 574
Publicité