PAXE DE PRINCESA E CRONISTA D O REINO
A ÚNICA VIDA QUE non me interesa é a miña. Por iso, dedico o ocio a asomarme ás vidas alleas. Entrei nun hotel de cinco estrelas, en Santiago, para observar rentistas e herdedeiros que se pagan ese luxo un martes pola tarde. Sentei na cafetería de dous euros o café, nada fóra das tarifas medias da Unión Europea. De súpeto, aparecéuseme en carne mortal Jose Aldea, o home que fai todo en Galicia: mantén a discográfica sarriá Ouvirmos, dirixe o Cultugal, promove a actividade do Teatro Colón da Coruña e seica que agora tamén o programa na Cidade da Cultura.
Aldea ten porte ministerial, de alto cargo discreto e eficaz. Fálame o éxito do Culturgal con esa incomprensión coa que falaría dun fillo independizado: é unha creación túa, pero xa non precisa de ti. A feira das industrias culturais galegas, que se celebra en decembro en Pontevedra, non dá acomodadas no programa todas as peticións que se lle cursan. Admiro de Aldea que sabe deixar pasar medio minuto entre o que pensa e o que expresa. Ten unha prudencia exquisita que algúns chaman diplomacia e outros acoutan como sensatez. Quéixeime con el, coma adoito, da desalentada planificación da actividade creativa do país. Xosé escoitoume en silencio, calando os matices que podería indicarme porque coñece mellor ese campo ca min. Actúa coa mesura dun conselleriro de Cultura. Talvez algún día.
A cultura é unha provincia francesa. Para moitos, é un modelo. Parece que o país galo tamén foi un modelo para os golpistas do 1981. Esa aspiración linlla en España en democracia, 1975-2011 (Crítica-Marcial Pons) a Xosé Manoel Nuñez Seixas, o catedrático de Historia Contemporánea, que está regresado tras un grand tour de cinco anos na universidade de Munich. Nesa obra, Seixas achega unha visión xeral do exercicio de lampedusismo que foi a Transición. Todo cambiou para que as elites conservasen os privilexios. Non todos os franquistas gañaron. Manuel Fraga —o noso prusiano impaciente e dotado— sufriu o desencanto de quedar a media cocción de ser Adenauer. Alfonso Armada soñaba cada noite cun cabalo de madeira da súa infancia e con ser De Gaulle. Anos despois, reparou no erro de confiar na tosquedade tricornada de Tejero e na megalomanía de Milans del Bosch.
O ensaio de Seixas achega datos coidadosamente contextualizados e mesmo algunhas picadas a diletantes da Historia como «Pío Moa y otros escribientes». O emulador vigués tardou en caer do cabalo terrorista nos Grapo. Para facerse perdoar, Moa percorre un via crucis de estudos pseudocientíficos nos que trata de asentar o golpe do 36 como unha reacción lexítima duns militares impulsados polo sopro divino cara a manter o empuxe de España como unidade de destino no universal.
Pío Moa lémbrame a Florisel, o servinte dun pazo en Sonata de otoño (Gadir), de Valle Inclán, que se ve no futuro como «paje de una princesa y cronista del reino», pero soamente pode presumir de ser mestre de merlos. Miláns del Bosch quitou os tanques á rúa en Valencia para facer nunha desas exhibicións teatrais que tanto aprecian no Mediterráneo. Un veciño meu de Ribadeo quita o Jaguar do garaxe os domingos, rodea a mazá, aparca para tomar un café e volve aparcalo.
Armada esperou inutilmente polo seu merlo branco e tivo que aparcar a súa carreira no seu pazo de Ribadulla para cultivar camelias blasonadas. Leva «una vida resignada que contempla el paso de los días con una sonrisa melancólica», que escribiu Valle Inclán.
O seu paralelismo máis evidente con De Gaulle foi a noite de 1970 que o caudillo francés pasou no pazo de Bazán, en Cambados. Acomodaron nunha cama adaptada de dous metros e medio de eslora. O militar galo, dimitido un ano antes, buscaba as orixes celtas da súa familia seguindo as fantasías que lle inculcara seu tío Charles diante dunha chimenea de Lille.
O domingo pasado volvín indagar nas vidas alleas. Nunca fun beata por cuestións biolóxicas e de fe, pero gústame a arte relixiosa. Asomei á Igrexa da Soedade. Unha señora de cellas altas e queixo picudo convidoume a entrar e, cando me quixen dar de conta, xa me envolvera co seu discurso sobre a rehabilitación que están desenvolvendo no templo «con la ayuda de la Xunta».
Aquela muller piadosa falábame dun asolagamento que eu non lembraba nidiamente, pero que me soaba do outono anterior. As paredes, as virxes e os cristos estaban cubertos parcialmente por esa película pálida que deixa a pasta de dentes no lavabo ao retirarse a auga. A imaxe que me fixen, bonita e evocadora, foi a que describe Torrente Ballester en coa catedral de Santiago como porto cuberto e navegable.
A señora, «terciaria y franciscana», conduciume por aquel desastre húmido e mesmo cedeu cando lle insinuei que quería adentrarme na sancristía, o proscenio máis curioso. Ao remate da visita, comentada con detalle sobre a advocación e a datación de cada ser celestial exposto, a beata fíxome ver que debería achegar unha colaboración para contemplar a xeira da Xunta, «que nos está ayudando mucho». Soamente me pediu 50 céntimos, consciente do consello de Calderón de que «al que sabe ser humilde todo le va bien». Deixeille máis, moito máis. Quixen pagar a súa entrega dobre: para salvar o patrimonio de todos e para salvar a súa alma.