Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
2 décembre 2017

AS PALABRAS SAGRADAS ASCENDEN AO CEO

14d7b238e3b34b790f68b98e5aa7ed6f

O PASEO do sábado pola cidade amada parei diante dunha libraría. Hai unha nova libraría en Lugo, como hai dúas novas galerías de arte. Paréceme sentir que o xeo da cultura empeza a cruxir e abrirse nas montañas, e manar polos mil ríos do país. A libraría ocupa o local dunha mercería. O señor que a atendía vestía unha camisa rosa, un xersei sobre os ombros e unha educación saxona en calquera circunstancia climática.

     Os escaparates de Lectocosmos son altos como a Porta de Ishtar pola que entraba Nabucodonosor II cando volvía famento e orgulloso a Babilonia no lusco fusco tras un día cazando leóns. Estaba admirando a bonita libraría cando se me apareceu Antonio Reigosa. O escritor ten a habilidade de xurdir silenciosamente ao teu carón. É unha facultade que teñen os de Mondoñedo, que andan con sixilo para non espertar a néboa. Falamos un bocado e, ao distraerme cos libros de Emmanuel Carrère do escaparate, esfumárase.
     Antes de marchar, comentáralle que a libraría se estreara con moito espazo para pasear e pouco fondo para ler. Antonio explicoume que agora todo se xestiona por internet, que os fondos están na nube. A modernidade acabou dando a razón ao vello Talmud xudeo, onde se asegura que, se queiman un libro santo, as palabras ascenden velozmente ao Ceo porque son sagradas.
       Se acontecía iso cos libros xudeos, tamén acontecerá cos cristiáns. Aínda que fosen os beatíficos pirómanos da Inquisición quen condearon ao exilio os autores da Biblia del Oso de Casiodoro de la Reyna (1569) e da Biblia del Cántaro por publicar a palabra de Deus en español. No paseo do sábado tamén puiden ver exemplares de ambas as edicións nunha mostra en O Vello Cárcere, o centro cultural, xunto con outro centenar de sagradas escrituras. Entre eles, había unha Biblia de Ferrara, editada por sefardíes expulsados das súas casas españolas e fuxidos en Ámsterdam.
    A exposición fora organizada polas comunidades evanxélicas, que celebraban os cincocentos anos dende que Lutero se armou cun martelo, un cravo e 95 tuits sobre a reforma necesaria na Igrexa católica. O agustino debeu de ser peculiar. O mesmo criticaba compravenda de indulxencias que vivía mantido a todo luxo polo príncipe de Saxonia. Por unha banda pedía «que marchen os profetas que lle din ao pobo de Cristo: Paz, paz, e non hai paz» e, por outra, afirmaba que os xudeos están «manchados polas excrecencias do Demo e nelas se revolcan coma cochos». Lutero era tamén partidario de queimarlles os libros, pero de facelo dentro das sinagogas para aforrar un traballo. Lendo a súa biografía acaba un por rir coa broma de Menéndez Pelayo de que «o protestantismo es un catolicismo en el que los curas se casan».
      Eu pensaba que a superioridade intelectual dos xudeus estaba fundada en que teñen a obriga de estudar as escrituras, co que foron máis e mellor alfabetizados ao longo dos tempos; pero os protestantes tamén puxeron a ler os seus fieis a base de traducir a Biblia a todo canto idioma se coñecía.
     Cada cuarto de hora descubrimos un idioma. Non en tribos descoñecidas do Amazonas, senón na mesmísima Europa. O domingo estiven discutindo en Twitter con Noemí López Trujillo sobre o seu artigo La lengua secreta de 5.000 extremeños, que trata do valego, a variante do galego do Val das Ellas, en Cáceres. López Trujillo descobre en El País como A Fala, una «lengua propia, una variedad del gallego-portugués con influencias asturleonesas». Cando lle expliquei que era un dialecto do galego cumpridamente estudado nas nosas universidades —sobre todo polo profesor Xosé Henrique Costas— remitiume ao inapelable discernimento popular: á broma esa de que a xente determine que é o que fala. Un criterio que vai longo de democracia e curto de ciencia.
      Non me sorprendeu o seu aventuramento porque me criei cerca de milleiros de asturianos que usan o galego entre o Eo e o Navia convencidos de que se comunican nunha lingua propia, con influencias do galego e do asturiano. A Academia de la Llingua bautizouno como A Fala e situouno como variante do bable nos anos 90. Diante do horror da romanística internacional, aceptou a denominación do catedrático Emilio Alarcos Llorach: gallego-asturiano.
      A cátedra de Alarcos Llorach publicou hai quince días un libro de homenaxe ao filólogo. O seu fillo, Miguel Alarcos Martínez, patentou a opinión da familia: «Todo fue muy bonito, salvo por una cosa que afea el libro... La presencia de poesía en llingua asturiana, constructo artificial que nadie habla y que tanto denostó Emilio Alarcos». Xa na intimidade do Facebook, o tamén profesor universitario en Oviedo entusiasmouse para asegurar que o asturiano é «una puta mentira que se aprovecha de la gente bien y beneficia a políticos y filólogos paletos». A viúva de Emilio Alarcos e nai de Miguel, a exquisita Josefa Martínez, reprochoulle en público: «¡Ay, Miguelín, en qué jardín te metiste por no tener malicia!».

Publicité
Publicité
Commentaires
J
Agradezo o comentario, Manuel
Répondre
M
Excelente. Un pracer.
Répondre
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 567
Publicité