cando fomos terroristas
VÍN NUN PISO franco. A década dos 90 empezaba a cansar de si mesma. Eta tiña sección fixa nos periódicos: cada día representaba o seu auto de ira e mutilación.
Eramos tres naquela vivenda elevada sete andares, na parte na que Lugo unicamente sabe descender. Cid e Andrés militaran en senllas organizacións extremas. Nunca con outras intencións que «epatar ao burgués» e facer tábula rasa social. Eu, xa daquela, era presunto vasco. Os tres ocupabamos aquela vivenda escura e despistada da cidade; conformabamos o número e o lugar ideiais para que a Garda Civil nos considerase unha célula durminte. Eu, xa daquela tamén, tiña familia na Zona Especial Norte. Ben sabía ao que nos arriscabamos. O respecto á integridade tardaría un par de décadas en chegar.
Así que, en tanto que célula, decidimos abandonar aquel lugar de persianas baixadas en canto vimos que izaran a Lúa polo sur da cidade. Baixamos a Lugo porque os meus camaradas tiñan unha representación teatral anunciada no Clavicémbalo. Era un monólogo un tanto desordeado, bastante exaltado e notoriamente divertido que escribira Cid.
Lembro que deambulamos de pub en pub como se nos vixilase a secreta e como se a policía secreta fose incapaz de detectar cando unha célula terrorista paga unhas copas nunha barra para ir na busca doutra. Lembro a Cid Cabido fumando, sentado nun taburete co corpo agachado e os beizos erguidos; consciente de que as palabras se gastan, como o amor, se son sometidas a un trabajo esixente. Lembro a Andrés errando por todo o largo de cada local, fumando co ánimo expansivo dun conquistador de América, movendo os brazos como se fosen aeroxeradores dislocados pola tormenta. Os seus xestos esvaecían no mesmo momento en que os trazaba. Lembro a Andrés falando e falando como se lle deran unha inxección mortal e quixese dictarnos unha novela. Lembro rirme a peito aberto en canle co seu humor incontenible e irredento. Lembro a Andrés, en fin, abrazándonos a cada pouco a Cid e a min sen necesidade dun motivo. Lembro a Andrés acendendo outro cigarro e envolvéndonos cunha das súas apertas dadas dun xeito tan artesanal que daban ganas de adormentar nelas.
Aquela madrugada non fomos discretos cando regresamos ao piso franco, pero si acertamos a disolver o talde ao mediodía seguinte. Os meus convidados marcharon despois dun caldo galego. Cociñáramo unha noiva coa que derivei en matrimonio como consecuencia daquel prato maxestuoso. Aínda hoxe, 25 anos máis tarde, vivimos un amor prestixiado e antigo como o latín.
A organización terrorista durou tan pouco que nin sequera chegamos a acordarlle un nome revolucionario e debedor da selva Lacandona, que nin sequera tivemos uns estatutos fotocopiados clandestinamente na máquina dun instituto de ensino medio.
O motivo non foi que evitásemos deixar cheiros para os cans da Garda Civil, que —estabamos certos— xa nos rastrexaban polo edificio, senón que a función da vivenda coas persianas baixadas era dar unha noite de acubillo o meu amigo vigués, Cid, e o seu amigo vigués, Andrés.
Unha mañá de moitos anos máis tarde, Andrés Vila espertou cunha imaxe fixa na cabeza e recoñeceu aquel anuncio bonito de bombillas luminosas como a morte.
Nestes meses pasados, Xosé Cid Cabido escribiulle a novela que Andrés nos recitara compulsiva e fragmentariamente aquela noite en que nos crimos un comando referencial na Historia da Galiza. ‘Tres pintores’ (Xerais) está feita do cachiños que Cid foi recollendo dunha vida cerca do home máis divertido e expansivo do mundo. Unha mañá de aí atrás, debeu de ser o martes, Celia Torres —ela tamén é amorable— contoume que Cid Cabido deixou de emigrar de casa en casa da ría de Vigo para regresar á Florida, o seu barrio da cidade que nos deslumbra este Nadal. Colleu piso cerca de onde vivira Andrés.
—Unha vez, Cid e Andrés tiveron un accidente de coche. O coche era vello e ían despacio, pero saíron da estrada. Todo o que se lle ocorreu dicir a Andrés sobre aquel trauma era que fora «unha sensación moi desagradable».
En ‘Tres pintores’ hai tamén un coche, un Renault 8, e un Andrés Vila, que se fai chamar O Viñas porque así llo requiriu o guión.
O narrador e O Viñas deciden unha noite aleatoria, podería ser a noite dun martes, marchar de viaxe dende Vigo a París. O Viñas é pintor e os pintores aprenden dende meniños que a luz de París vai iluminarlles o talento. Ben, é mentira; pero loce na túa biografía da Wikipedia. París ten unha luz nublada, pálida e caprichosa que tamén podes atopar en Lugo se miras para arriba e cadra que non chove nese intre. E aforras un ril en gasolina.
Volvo ao libro. Dous camaradas soben nas Travesas a un Renault desahuciado para ir medir a luz de París. A crónica desa viaxe ten a mesma compoñente de feliz negación do día seguinte, a mesma angustia da fame e a mesma doce ollada da ilusión que as novelas de Henry Miller. A necesidade é unha fábrica de sucesos indignos dos que nos arrepentimos en cada día do resto da nosa conta atrás.
Cid Cabido é o escritor galego máis talentoso. Afirmo isto sen gana de repetilo porque, cando o digo, parezo unha desas estudantes que che ofrecen un taco de melón ou unha loncha de xamón nos supermercados, e que son tan desprezadas polos clientes. Cid éo mellor de nós, pero ninguén parece decatarse. Cid Cabido tamén é o noso autor que mellor pinta o humor, con eses tons entre os fauvismo de Matisse e o expresionismo abstracto de Rothko.
As situacións de cine mudo e o esperando a Godot que trasluce a novela, con armar a obra, palidecen se se poñen ao lado do retrato ao natural que o escritor traza do seu amigo finado.
O contador da trama entra nun bar ao pri meiro da novela. Dá co Viñas «arrimado á barra, co cigarro na boca e o gintónic ao alcance dos seus longos dedos, ou sexa como calquera outra noite en calquera outro bar». O pintor subxace «instalado no seu ‘dolce far niente’ e sen sufrir a máis leve merma de autoestima».
Os dous amigos saíran de Vigo «obviamente sen mapa ningún» e sen un cadelo que lles baile. Collen un autoestopista na saída desa cidade que nunca se apaga. O rapaz, que aspira a chegar a Barcelona, tampouco leva encima obxecto de maior valor que tabaco. O resultado é que os tres conviven durante os cinco días da viaxe —en 1984 París estaba nas antípodas de Vigo— nun Renault 8 gastado como un discurso reiterado. Aliméntase a base de fuagrás, pan roubado e fume de cigarros que marcha como o tempo fugaz de Casablanca.
Dentro do coche, conta Cid Cabido, «como de costume, O Viñas espertaba pola noite arriba e botaba un cigarro, a pesar de saber que xa non podería máis tabaco en moito tempo».
Lendo ‘Tres pintores’ regresaba a cada pouco a aquela noite na que ameazamos a seguridade da sociedade galega e puxemos en cuestión a solidez territorial de España. No medio dese encoro negro que é a madrugada erguínme para desecar a próstata do alcool que ameazaba con rebentala. Vin luz na cociña, ese lugar de encontros a unha hora calquera. Atopei a Andrés. Estaba sentado nun tarabelo de plástico. Cruzara as pernas meticulosamente na súa delgadez. Fumaba o seu cigarro de centinela. Lembro que me dixo algo, lembro que me quixo dicir algo con «aqueles ollos de actor a punto de entrar en escena», pero o meu soño era tan denso que o ignorei. Arrepíntome.