AS TENDAS E AS POTAS. O ANXO CONDUTOR
Óscar Poy Franco e máis eu debatemos onte sobre separación de poderes. Alégame a intromisión de Marlaska na investigación sobre o peso do 8M na peste actual que estaba desenvolvendo Pérez de los Cobos para unha xuíza. Ten toda a razón. Un ministro non pode pedir a un subordinado que lle abra as portas do indagado baixo o argumento de deslealdade.
España creouse en 1812, cando Cádiz organizou a estrutura de poder. Antes, era unha andamiaxe incerta de reinos en equlibrio. Dende hai 188 anos unicamente tivemos un período democrático de solidez, que comezou hai 37. Durante todo o século XIX e case que todo o século XX España foi un latifundio administrado por un cento de familias, abenzoado pola Igrexa, custodiado pola Garda Civil e adornado por un Borbón de paseo. En gran parte nada cambiou. O Tribunal de Orden Público mudou en Audiencia Nacional e a seguridade do Estado continúa baixo o palio do Opus Dei. Entereime onte, lendo máis cousas sobre Cobos. Son vasco, ben o coñecía. Aínda hai un par de anos que lle falei del a un amigo catalán. Case que preferiría saber o da Obra antes; como cando aquel perigoso ministro de Interior, Jorge Fernández, confesaba rezar a un anxo que lle servía como GPS. É intranquilizador que un gobernante crea en supercherías, pero prefiro saber a quen lle pago os impostos.
Óscar ten razón: o goberno socialista e central saltou ás comportas do seu poder para asaltar outro. Os españois, cun cursiño breve de democracia estrutural, non soamente están lonxe de comprender o equilibrio entre as tres trabes do poder, é que carecen de respecto democrático. Cando o Partido Popular gañou as eleccións, a esquerda chantou as tendas Quechua nas prazas de maio para negar os resultados. Agora que o Partido Socialista foi o máis votado, a dereita fai ruído e furia con potas contra os comicios da derrota.