LIBROS PARA OS TAXISTAS
O XOVES ía coller un taxi, pero sorprendín ao chófer ollando un obxecto negro e volvín a miña andaina. O taxista perdeu de gañar uns euros, pero gañou en ler varias páxinas dalgúns dos libros de Stieg Larsson. Eu aforrei uns euros e gañei tempo para o meu desagradable compromiso diario co exercicio. Aínda non me dei posto cos libros do sueco porque hai unhas novelas que leo e releo continuamente; non por pracer, senón porque son miñas e financian as actividade extraescolares dos cativos. Pero o xoves convencínme de que debo escribir un libro que lean todos os taxistas para non ter que volver a interromper a ningún nun tempo agradable de lectura grazas a que tería chófer propio. Adoito escoitar desprezos cara os escritores de ‘best-seller’. A fórmula coñecémola, máis ou menos, todos os que nos dedicamos a este oficio do negro sobre branco: unha trama de intiga e outra de amor, «comezar cunha explosión e de aí para arriba» —como recomendaba Hitchcock—, personaxes cos que identificarse, capítulos curto e estilo puro a base de rabenar os agromos de adxectivos o adverbios. A fórmula aparece mesmo no Google, pero hai milleiros de novelas que se guían por ese manual de bricolaxe cada ano e soamente unha ou dúas logran interesar aos taxistas, aos monitores de esquí e máis aos guías do Museo Provincial. O problema é que todos lemos o manual, pero en Suecia son mellores montando mobles e fabricando móbiles. Aceptemos que tamén son mellores contando esas historias tan nevadas que abstraen a un taxista de Lugo que non repara nun cliente sospeitoso de pedirlle unha carreira. (Artigo para El Progreso)