IOGUR ALEMÁN
OS GREGOS de antigüidade pensaron tanto que deixaron todo pensado para ducias de xeracións. Eu admiro a Grecia, pero non tanto pola filosofía, como polo seu desenvolvemento do iogur. O punto de cremosidade que lle conseguiron é o premio á reflexión de moitos cociñeiros. Malia esa devoción, non me atrevo a afirmar se é motivo abondo como para que Europa pague a súa tanatopraxia, a maquillaxe que fixeron co seu cadáver económico. Ao cabo, o iogur grego que eu gozo está feito en Alemaña, un país polo que sinto máis respecto porque non saltan nin unha cola de supermercado. As teorías de Platón sobre que a nosa visión da realidade pode estar errada viróuseme certa cando se descubriu a falsidade das contas que presentaban os antecesores de Papandreu. Se fan un iogur grego, os alemáns non se atreven a vendelo como iogur desnatado grego. Ben o sabe, Angela Merkel, que quedou sen a Renania nas últimas eleccións por prestarlles cartos aos helenos. O burato económico deberían tapalo eles. Javier Rivera faloume onte sobre Randiña, un esmoleiro de Foz ao que chamaron para recoller patacas e darlle a gañar algún can. El retrucou con dignidade: «Será mellor que as recollan os que as plantaron porque saben onde as puxeron?»