CANTAS CASAS TEN HIRST?
Andan cambiando as flores do can de Jeff. Puppy non é un cadáver, pero as flores amurcharan. A peza 'Cachorro' (1996), o cadelo de Jeff Koons, permite que Bilbao chame ao Guggenheim, 'a caseta do can'. Puppy coida do cuarto de milla de ouro arquitectónico, deseñado por Ghery, Isozaki, Calatrava, Mariscal e Pellí. Nese radio entra o Museo de Bellas Artes, que percorrín inspirado por 'Bilbao-Nova York-Bilbao' (Xerais), de Uribe. Na tenda merquei 'El tiburón de doce millones de dólares' (Ariel), de Don Thompson. O autor conta o xeito no que o príncipe da Bolsa da Creatividade, Charles Saatchi, converteu un tiburón en formol de Damien Hirst nunha peza fulcral. Os Sex Pistols chamaron un documental seu 'O gran timo do rock and roll'. O moinante do manager, Malcom McLaren, coñecía a impostura de que aqueles macarras asolfeados liderasen un movemento internacional. 'El tiburón de doce millóns dólares' descalifica a Puppy, o can tristón ao que mandaría tras unha pelota unha e outra vez, máis lonxe a cada volta. Thompson diseciona as parvadas cometidas nas subhastas por eses ricos que temen quedar de pailáns se presumen dun Lamborghini, pero non se fachendean de comprar as sabas enrrugadas e os preservativos usados que Tracy Emin titulou 'A miña cama' (1996). A enchenta rematou e debemos reconsiderar a solidez do mercado financieiro paralelo da arte. Thompson explica que o problema non é que abunden os imprudentes que desprezan a arte actual con ignorancia, senón que os multimillonarios que incharon os prezos sabían tanto coma eles. A consecuencia é que Hirst é incapaz de enumerar as súas casas en propiedade.