ÁNGEL DE LA CRUZ: FILMANDO CON LOBOS
Félix Rodríguez de la Fuente inventou os docudramas sobre natureza hai trinta anos introducindo o xeito de contar do cine nos documentais do xénero. O director coruñés Ángel de la Cruz recuperará ese xeito de narrar coa película ‘Cuento de lobos’, que rodará da primavera do 2011 á primavera do 2012 en 3D esteroscópico. Para reedificar o ton co que o naturalista guiou a serie ‘El Hombre y la Tierra’ nas décadas dos anos 70 e 80, De la Cruz vai basearse nun relato que o propio Rodríguez de la Fuente contou no programa de Radio Nacional ‘La aventura de la vida’, no ano 1976. A narración, repartidas en quince espazos, segue un ano na vida da loba Sibila, a partires do seu nacemento.
Sibila irá descubrindo a crueldade e a marabilla da vida nas paraxes do norte de Castela e León nas que Félix Rodríguez de la Fuente, natural do norte de Burgos, ambientou a súa narración. O relato está animado por personaxes ilusionantes, coma un elefante; rivais, coma un mastín, ou fascinantes, coma «o lobo Elcano, ao que os aterrados pastores chaman así porque ten pintas», apunta o director. Engade que «Rodríguez de la Fuente afirma que ese lobo tan temido é galego, dos Ancares, e imos respectalo no filme». Ángel de la Cruz coñeceu ese relato por unha recomendación de Manuel Cristóbal, que vai participar na produción a través da súa empresa, Perroverde, para erguer este proxecto, que ten un custo estimado superior aos cinco millóns de euros. O realizador galego escoitou de corrido as oito horas de gravación. «Cando ía pola metade, estaba tan conmovido que chamei a Manuel Cristóbal para dicirlle que non faríamos un documental, senón unha película», malia que iso representaba compaxinala coa preparación da rodaxe de ‘Traíñas’, unha fita na que estaba traballando e que vai rodarse parcialmente en Santiago.
A xeira na que anda agora é a redacción dun guión técnico de hora e media de duración, tratando de adaptar as futuras imaxes ao discurso de Félix Rodríguez de la Fuente. «Estamos preparando esta película plano por plano, como se fose de animación; de feito, faremos unha animática —story board animado—», revela o realizador.