Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
30 janvier 2011

ALIMENTARSE DO AIRE

A REVISTA Life despregaba onte na súa web un álbum de fotografías para amosar unha galería de aparellos inventados entre os anos 30 e 60 para axudar aos norteamericanos que empezaban a coñcer a atracción do innecesario a reparar en que a zoupada bursátil do 29 era un deses monstros que produce ás veces o soño da razón capitalista. Entre os ‘gadgets’ expostos había un lavavaixelas portátil de 1947 ‘avant la lettre’, aínda que esperable. Non faltaba un asador de polos a base de focos calóricos de 1963, como os que usamos agora.

Máis curiosa, e case máis parva, resultoume a culler dotada dun pequeno ventilador eléctrico para evitar que queime a sopa inventada en 1948, aínda que non atendía a que as aspas non desen un tallo no nariz. Divertida foi a idea de 1955 de achegar unha manivela a un garfo para envolver os espaguetes. Aínda que o cumio dos inventos estúpidos é a ‘tostadora heterodoxa’, que patentou Rusell E. Oakes no mesmo ano. A súa vantaxe era expulsar as torradas cando estaban listas. As rebandas ían parar a un lugar calquera da cociña, atesourando a Lei de Murphy de que a torrada sempre se deita pola parte da manteiga. Ese espírito entre enxeñoso e retranqueiro foi retomado agora por un profesor de Harvard, David Edwards, que inventou ‘Le Whaf’, unha especie de pipa de auga consistente nunha peceira de cristal con forma de estómago que transforma os alimentos en vapor. Os comensais chuchan os fumes nutricionais cunha palla e, así, aspirando, faise o xantar.

As tarefas nas que se enlean os docentes de Harvard preocúpanme por afectar ao prestixio desa universidade, polo que tomo máis en consideración a Flavio Morganti, o galego dende 1983 e italiano dende anos antes que oficia no Galileo, Pereiro de Aguiar, código postal 32710. Morganti levou hai días a Madrid Fussion o invento, a aromatizadora. O aparello consiste nunha batería de potas a presión interconectadas por uns tubos, que, aínda que imiten os inventos de Franz de Copenhague no TBO, representan un paso pequeno para o cociñeiro e un paso de xigante na arte culinaria, porque abre as portas invisibles dunha cuarta dimensión que se suma ao sabor, ás texturas e á presentación.

O restaurador non puido explicalo a xeito no congreso madrileño porque aos organizadores ocorréuselles darlle un micrófono de termar coa man e, ben sabido é, os cociñeiros soamente teñen dúas. Por riba, non funcionaba, polo que quedamos sen información. Supoño que o asunto consiste en aillar os aromas e utilizalos para engadirllo a receitas nas que, a priori, se saen de contexto. Para que advirtan as nais que non se pode un alimentar do aire que non queren comer. Eu nunca puiden escoitar tan edificante consello. O día no que quedei sen fame, a miña nai levoume ao médico: diagnosticoume hepatite.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 588
Publicité