UN TELÉGRAFO INTERNACIONAL
JULES HETZEL recibiu a primeiros de 1864 o orixinal París no século XX, de Xulio Verne. Hetzel foi a pigmalión de Verne, o editor que lle facía a proba Aenor. Hetzel estaba motivadísimo polo estoupido comercial de Cinco semanas en globo, pero non puido con aquela alucinación. A novela comezaba cunha entrega de premios a estudiantes destacados en matemáticas, enxeñería ou economía. Cando lle toca a un rapaz que se inclina pola literatura, os apupos asolagan o salón. Hetzel aponlle a Verne que o texto é «periodismo barato sobre un tema nada afortunado». El quería publicitar a ciencia e non concebía que os avances tecnolóxicos desen en desprezar os contidos. A maiores, consciente do determinante do seu traballo na obra de Verne -e tamén nas de Hugo, Balzac e Zola; aínda que a estes lles tocase menos-, Hetzel nunca debeu imaxinar un París -e un mundo, logo- sen o seu labor. Iso que os escritores ás veces fan sangue cos editores, como Murakami en 1Q84. Nesa novela un editor atopa un libro, A crisálida de ar, nun monte de orixinais para un concurso de autores noveis e propón a un romancista experimentado que lle «enderece o punto de vista» para que gañe. Con todo a figura é imprescindible, por moito que haxa visionarios que devezan por unha relación directa escritor-lector. Iso é descoñecer unha norma primaria do mercado: a necesidade de situar o produto en primeira liña da oferta e achegarlle o engado para que destaque; algo que soamente pode lograr un intermediario prestixiado. Aínda que Verne xa describe en París en el siglo XX un «sistema telegráfico internacional» que lembra a internet e que tampouco entrou no maxín de Heztel.