O HIMNO ESPAÑOL DE AC/DC
O nacionalismo español está presentando manifestacións enfermizas. O ambiente producido artificialmente polo TDT Party está animando a adoptar decisións exacerbadas, mesmo, e iso é o máis repobable, por parte das institucións. Preocupeime polo ideario democrático das persoas que decidiron atroar coa cacofónica Marcha granadera a uns afeccionados ao fútbol que pretendían asistir a un partido. A volta de parafuso que deu o goberno español á politización dun espectáculo deportivo, excesivamente politizado de seu, non me resultou soamente autoritaria, senón tamén contraproducente a respecto da finalidade perseguida. Non se pode tratar unha expresión democrática de vontade independentista coma se fose unha perrencha dun ditador centroamericano. 120 decibelios non cumpren para silenciar un desexo tan interiorizado.