PAREDES GRISES E AMARELAS
As casas dos bos lectores teñen as catro paredes do salón de senllas cores: amarela, gris, negra e branca. Moitos deles dedicaron os últimos 42 anos da súa educación sentimental a seguir o instinto de Jorge Herralde para cazar e reducir a mellor literatura O editor catalán márcaa dende 1969 co selo de Anagrama. As cores clasificaban cada colección: Amarela para as traducións; gris para a narrativa española, negra para o pensamento, e branca para a modernidade salvaxe e o humor superficial. Os lectores adoitamos seguir determinados autores, imos lendo as súas obras segundo as publican, pero no caso de Anagrama tamén seguimos unha editorial. Somos lexión, aínda que sen aguia, os que sentaríamos nun sofá para deixarnos alimentar durante meses unicamente con textos de Panorama de Narrativas e algunha chamada furtiva a Pizzamóvil. O pasado martes, Herralde andou iluminando o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa da Coruña. Puiden falarlle. Confesoume que deixara escapar a Murakami por un motivo menos solemne polo que deixou marchar a Vila-Matas: non daba cun tradutor dende o xaponés que lle convencese de todo. O do español foi un problema de cartos, disque. O de Murakami si que me parece grave e non o de Barral con 'Cien años de soledad', de deixou escapar unha novela imposible de ler sen argallar unha complexa árbore xenealóxica. O cineasta Tran Anh Hung memorizou 'Norwegian wood' para que Murakami llo deixase adaptar a un filme. Someteuse a un exame sobre cada detalle da narración deixando que o xulgasen doce nipóns. Cando se deu citado con Murakami, este, desmentindo a fama de túzaro, falou tanto que lle tapou o discurso.