O PECHE PATRONAL DE ETA AFORRARAME UN CUARTO DE HORA EN CADA VIAXE
Cada vez que me paraban nun control de estradas era o mesmo. Apelidos: Jaureguizar Ortiz de Zarate. Nacido en: Bilbao (Vizcaya). O meu DNI non relata que botei o 90% da vida en Galicia. Cando me paraban no país, aínda disimulo a condición de presunto vasco falando en galego, pero fóra ninguén me evitaba unha consulta á central para saber se estaba fichado como abertzale potencialmente perigoso. Cando os etarras anunciaron que ían comportarse como persoas civilizadas pensei nos axentes que máis se implicaron en lograr ese salto cualitativo: Jesús Eguiguren, Arnaldo Otegi, Rufi Etxeberria, Rubalcaba e mesmo Zapatero, sumándolles a Rajoy por sensata e informada omisión. Debeu de deixarse facer a un asasino como Josu Ternera. Urritikoetxea apostou por rematar co terror e debeu de aceptarse que o menos malo era pechar os ollos na súa marcha cara á clandestinidade porque unicamente un líder coa súa influencia podería decantar aos delincuentes do lado dos bos. Paralelamente, Mikel Carrera foi detido apartándolle atrancos. Todo esforzo, máis un esforzo descomunal coma este, ten o seu prezo. Por inxusto que nos resulte, a dolorosa van abonala Eguiguren, Zapatero e Rubalcaba, nesa orde de gradación. Otegi e Etxeberria subirán na cresta da onda, como premio a todos os esforzos por convencer á súa tripulación de que debían virar 180 graos. Amaiur recibirá un Olentzero adiantado o 20-N e vivirá unha feliz primavera electoral no 2012. Se non son maioritarios desa volta, que me estrañaría, serano no 2016, unha vez que os votantes con defensas éticas maiores queden convencidos de que o billete era unicamente de ida.