APÁRENCESENOS OS ESPECTROS DOS ROBOTS DESGUAZADOS
ALGÚN DÍA serán os fantasmas dos robots desguazados os que nos dean sustos. Polo de agora, son as almas dos espías as que se nos aparecen. O último foi Paesa, cuxa biografía anda nas estremeiras do Código Penal e xa tan próximo a Cuarto Milenio que calquera día Iker Jiménez lle dedica un especial. O axente español obrigoume a buscar a miña lista de espías favoritos. Tras John Le Carré, por motivos literarios; Kim Philby, porque semella unha xustiza poética que lle pagues ao rapaz un college e che saia comunista, e Putin, porque lle lin unha suxestiva disertación sobre a cervexa de Berlín Oriental, que era o que confesou que lle levaba máis tempo cando traballaba alí para o KGB. Hai espías aos que nunca puiden apuntar porque non trascenderon os nomes, pero ben merecían estar nesa clasificación. Por exemplo, os membros da CIA e dos servizos secretos españois que deixaron que se removese o derradeiro obstáculo para a instauración da democracia. Nunca quedou clara a súa participación, pero unha marabunta de polismilis alugando pisos e coches, e abrindo un túnel en pleno Madrid coa sería complicada de non detectar. Ese expediente sigue aberto porque se deixa nas mans da familia o destino dos restos do pai, un autómata na acumulación de poder. Resultaría razoable de non ser porque eses ósos ocupan un mausoleo que financiamos todos e goza dunha honra inmerecida.