(PRESUNTOS) TERRORISTAS SUBVENCIONADOS E OUTRAS ESPECIES INVASORAS
FABIÁN LÉMBRAME ás veces que hai que ter amigos ata no Inferno. Acéptolle o consello porque abriga unha American Express na carteira. Os calvinistas sabemos que a acumulación de riqueza é o camiño da salvación, algo que os marxistas rexeitan con candidez prerrevolucionaria. Por iso intento entenderme mesmo co inimigo en calquera lugar. Pero hai un ámbito comanche: a cola do supermercado. Nese espazo móvense señoras que deberían figurar no novo catálogo de especies invasoras. Ben sei que ando pasmando de natural, pero sempre hai unha cincuentona que logra convencerme de que estaba antes ca min, pero que marchou un momento para coller dous botes de Sunsilk en oferta. Esas mulleres tan bravas, collen a posición mellor có pivot do Breogán Fernando Ovelleiro, levan o capitalismo salvaxe coma un chip no xenoma. Aínda dispomos doutras especies para o catálogo, como algúns axentes da orde traballababan en todos menos no seu, empresarios que vendían fármacos invisibles ou edilas de Castroverde que quitan un 10 nas oposicións ao seu Concello. Agora padecemos presuntos terroristas tan mandados que, no canto de extorsionar, aproveitan as gangas nas subvencións que concede o sistema que combaten. Mesmo para disolverse son coitados: os comandos desaparecen porque os membros marchan estudar fóra. Con malos coma estes, ninguén poderá dicir que os lucenses non somos xente na que confiar.