UNHA DEFENSA DE ANXO LORENZO
Acredito na honestidade de Anxo Lorenzo. Arestora sinto o vocerío da humanidade galega reprochándome a afirmación. Permítanme que me explique. Ben, responde pegadamente ao que penso, polo prefiro expresalo cunha firmeza que non se consinte matices. Con crer niso, penso que se equivocou de país e de potencialidade. Enganouse de país porque Galicia padece unha presión ambiental de orixe católica que condena en todo canto leve o afeado recendo da ambición. Eu, ateo calvinista, defendo que os homes cargamos coa obriga de petar contra o teito das nosas posibilidades. O segundo erro de Lorenzo foi aceptar que daría desviado en varios grados o rumbo equiparador de galego e español, que tan severamente está magoando ao noso idioma ata o punto de empuxalo cara ao esluimento. Non comparto, nunca caín nesa trampa, a percepción estendida e asentida pola xeralidade da inteligencia nacional de que Lorenzo sexa un traidor execrable da nosa cultura. Xa dende que sentou na Secretaría Xeral de Política Lingüística entendín que era unha encarga técnica, unha especie de subcontrata encomendada a unha persoa allea á firma popular. Nese posto, adoptou unha expresión educadamente inerte diante do ballón que se lle botou sobre a cabeza e os ombreiros, e atendeu a alentar a lingua. As medidas de cara aos pequenos foron notorias e rendibles; mentres que, no eido dos adultos, ficaron coutadas ás súas posibilidades. Nese cargo foi todo o discreto que lle permitiron os blogs, os foros, twitter e algúns xornais que desbotaron con radicalidade imaxinarse na súa posición. Todo esa teimosía en aturar os ataques, inxustos ou non de todo, deulle os folgos para lanzarse a un campo de batalla chairo e aberto, exponencialmente máis arriscado, a Secretaría Xeral de Cultura. Anxo Lorenzo aprendeu o consello de Churchill para os gobernantes. Almorza un sapo cada mañá para soportar a insoportable levedade de ser cargo público. Confiando como confío na súa bonhomía, sabendo que é un experto en asuntos de lingua, non deixo de preguntarme estes días polas súas capacidades para un organismo de dominio tan amplo como a que aceptou dirixir unha vez decrecida a súa consideración á un nivel subdepartamental. Polo de agora é un enigma. O ano cultural empezoulle xa rodado con Celso Emilio, polo que será a partires de maio, o mes no que prende o noso breve e intenso calendario de actividade creativa, terei datos para opinar.
Photo. Winter storm, by Ansel Adams