O RESULTADO DOS PARTIDOS
(Artigo publicado o pasado xoves, tras o Madrid-BCN de Copa)
A ESTAS HORAS descoñezo o resultado do partido. Antes, cando os meus maiores sorpasaron a ditadura, a palabra ‘partido’ conducía á política. A xente conversaba sobre democracia con sede e a xornada completa grazas a ese deputado provincial que aniña no noso corazón. Acordaba estes días, co de Fraga, que no amencer dos 80, calquera ía a calquera mitin a escoitar, discutir ou mesmo rebentar, como padeceu o presidente de Alianza Popular en Lugo, segundo me narraba onte Elías. O partido, hoxe, é o partido de onte. Aínda ignoro o resultado porque sempre tendo un cordón sanitario arredor do fútbol profesional. Temo que a eficacia da miña prevención é tan ridícula como a que estableceu Rajoy no extrarradio de Valencia. Pasadas as festas de bigotes e ‘biattores’, sempre animadas e impecables grazas a Louis Vuitton, cortaron a luz a un instituto. E, claro, faise imposible non informarse. Eu dei atravesada a madrugada hixienicamente afastado das declaracións de Mourinho e Guardiola, pero é prender a primeira radio e perder brutamente a flor deportiva. Polo de agora, ignoro se venceu un equipo ou chegaron a un acordo de mínimos. As horas que me quedan están contadas porque o meu neno vai sempre co que gañe e logo ha entoar o himno vitorioso. Sobre os outros partidos, ben sei que en Galicia nos quedan un completo e dúas metades que non sempre suman unha unidade bipartita.
Foto: Carlos Valcárcel. A nena do bolso (1964)
