Canalblog Tous les blogs Top blogs Littérature, BD & Poésie
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
MENU
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
3 juin 2012

WARHOL PINTABA CON SOPA

andy-warhol-knivesx 4

ALGO SE TORCEU na vida emotiva de todos os que amamos o pop hai uns meses cando a dinamita deitou de vez o edificio de Sopas Campbell na localidade inglesa de Norfolk. A marca estampa toda unha visión da realidade, cunhas resonancias míticas coma o caldo de nabizas que se cociñaba nos mediodías da miña cativez nas alturas de A Pena, un cento de metros sobre a tona do mar en Ribadeo.

Mesmo houbo un tempo en que andei tras das latas de Campbell confundindo a paixón intelectual por Andy Warhol co pracer gustativo. Tras contemplar un cadro do artista, remexín o que dei para conseguir unha. Fíxeme con ela.

Non deixei pasar unha hora antes de cociñala. Aquel envase e aquela etiqueta entraran na miña casa envoltas nun aura intelectual que lle roncaba o respecto que metía. A falta de atopar a mítica sopa de tomate, conformeime cunha de fideos. Toda a miña ilusión desfaceuse na auga que fervía nunha pota. O seu aspecto era semellante a calquera outro. O engado era xa nulo no prato. A presenza de Warhol era tanta coma se preparase unha sopa de Gallina Blanca; bastante máis sabedoira, ao cabo.

Esta decepción devolveuma ao presente o meu fillo Antón que, aos seis anos, anda descubrindo a Warhol no colexio. Hai uns días explicoume que «Warhol pintaba con sopa», o que me remitiu a esas barbaridades que perpetra Damien Hirst coas vacas, que ben mellor final se lles daba nunha grellada.

O meu sogro é comedidamente refractario á nova cociña e adoita referirse a ela como «pratos pintados». Warhol era bastante miñaxoia en asuntos culinarios, polo que toda a súa achega á evolución do bodegón consistiu en sublimar unha marca de sopa popular coa mesma intención que lle poñía ao rostro de Liz Taylor.

Aínda houbo artistas que comezaron sendo lambeteiros na mocidade e avanzaron cara ao entretemento do larpeirismo. Leonardo da Vinci levou algunha rifa do seu mestre, Verrochio, por non cansar de engulipar doces.

Nun tempo deixou a pintura para asegurarse estar cerca da comida como camareiro. Acabou sendo cociñeiro en Os Tres Caracois tras a inexplicada morte de varios eles por envelenamento. Lanzouse a innovar, presentando porcións pequenas de comida sobre polenta. A innovación foi tanta que rematou a súa carreira como restaurador acosado por unha gavela furiosa de clientes famentos

Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Publicité
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 829
Publicité
Publicité