GALICIA (CIRCA 2012)
A marabilla repetiuse como vos digo: montar no Clío, premer no segmento azul que acciona o cd e soar 'Stoned & Dethroned'. Hai 18 anos se reitera o mesmo álbum cando viaxo só nese coche. Dende aquela conduzo de regreso a ese mesmo lugar no que me asentei en 1994. Nesa altura soou por primeira volta na meu dial interior ese disco dos Jesus & Mary Chain. Dende aquela, prendo o reprodutor ao montar no coche verde botella e salto no baleiro cara atrás a 1994. Eu conducía cara a Bóveda para impartir un obradoiro nun colexio coma 18 anos atrás, pero Heidi Klum, que non fóra informada da miña actividade, animaba ás españolas a maquillárense para aturar mellor a insoportable levedade da prima de risco. Ben sabemos que as loiras guapas poden ser intelixentes, pero Heidi nada axuda a que nos convenzamos de todo. No 2012, 18 anos máis alá de onde estaba eu -sentado no pequeno Renault verde, lémbrovos- érase Carlos Aymerich disposto a someter a súa consideración por si propio a todo o que lle fose indicado polo partido que lle queda enfronte segundo se mira o Bloque. Abel Caballero sustanciábase asemade como oráculo de Vigo, como se unha gorxa fonda interior de Bouzas ou da rúa do Príncipe dirixise todo o que despois ten que aprobar Santiago Domínguez polas boas ou polas mellores. Aposto a que Pachi Vázquez aínda non descifrou a carga cantonista que vai canda a afirmación caballera de que o alcalde escoita á cidade e non ao partido. O socialismo galego ama o modelo cidade-estado tanto como a amaría Ana Botella se alguén lle explicase en que consiste. Mirado, dende 1994, este ano sorprende porque Rial aínda continuase nunha radio pública. Soamente Edith Piaf arrastraba as erres coa intensidade de Rial, asumo; pero a radio que executaba non era do 2012. Asomeime aos anos 60 para buscar alí ao locutor, pero meteume medo volver cabeza cara a Galicia dende esa altura.
Photo: Sicily (Italy, 1947). Richard Avedon
