UNHA BOLSA PREÑADA DE PERAS DA REDENCIÓN
(Artigo publicado o sábado en El Progreso)
CAEUME POLA CASA unha bolsaza chea de peras de San Xoán. Alimentei no meu entorno familiar e afectivo unha sona de omnívoro desprexuizado que me beneficia rotundamente. Recibo un continuado maná de alimentos pouco ordinarios, que agradezo plenamente.
Pouco pararon as peras na casa. A culpa foi tanto do recendo a pereira en flor como da cor amarela viva tan gloriosa que ningún fauvista se lle resistiría. Abonda con mirar calquera cadro de Monet para decatarse. O sabor intenso satisfacía as expectativas todas.
A miña avoa materna non era tanto de Monet, tiraba máis ben por Cézanne. Nunca dialogamos o asunto, pero seino porque ela gustaba de asar peras logrando unha cor apagademente dourada que prefería Cézanne para o bodegón. Ninguén pintou peras e mazás co seu xeito.
O historiador da arte Meyer Schapiro asegura que esa teima con ambas as froitas vénlle de cando Zola foi dar ao seu colexio de Aix-En-Provence chegando de París. Os prexuicios dos outros alumnos foron intensificándose co paso dos días e desembocaron nunha malleira. Cézanne foi o único que o defendeu, o que lle reportou tamén algunhas labazadas. Zola soubo ser agradecido naquela mesma tarde. Acudiu á casa do seu valedor pousando diante da porta un cesto con peras e mazás.