Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
2 juillet 2012

VUVUZELAS ENTOLDANDO O SKYLINE LUAR

 

f61c78cd14e4d07b6b16e7ab1d5a124125b811e0_m


A noite amosábase fermosa. A Lúa brillaba enchida no alto do ceo, discreta e amable coma esas lámpadas redondas e planas que se acenden ao paso. Unha ducia de metros máis abaixo, segundo se mira dende o meu balcón en Ribadeo, a luz do campanario da Igrexa do Campo brillaba ao seu xeito bonito e sen sentido. O skyline dos edificios con resonancia indiana que conducen ás Catro Calles  imitaba un recurtable harmonioso da primeira infancia. Axordecía mirar un palmo abaixo, entoldaba escoitar os berros, os claxons, as vuvuzelas. Supoño que un balbordo semellante amoreou o exército romano para darse valor e atravesar o Limia. O negativo é que este boureo silvestre non flúe do medo a un fracaso económico colectivo e, polo tanto, individual. Nace da soltura con que uns rapaces xogan ao fútbol. Quero dicir que os especuladores e máis eu imos ter fantasías nocturnas coa prima de risco, aínda que diverxa o xeito no que nos atinxe ese desacougo. Joseph Roth sitúaos no plano do modélico en Primavera de café: “¡Que educación teñen os especuladores! Saúdan cortesmente, terman do sombreiro na man esquerda mentres falan e palpan amorosos coa dereita a mochila do pasaxeiro”. Arestora sinto na altura do meu portal a un mozote gritando a súa condición nacional “¡Yo soy español!” Estupendo. Eu non o vocearía demasiado alto, non vaia ser que o sintan en Bruxelas. Eu son de Bilbao, porén humilde, e non ando amolando ao vecindario a medianoite. Ese patriota debe de estar recreándose nalgún gol do seu equipo, pero eu trato de descifrar a onde imos coma país. Hai asuntos aparentemente inocuos coma o fútbol que cohesionan sociedades. Esta noite hai centos de persoas cun uniforme vermello nunha vila cativa coma a miña. Semella que fosen participar nun lipdub para animar a doar sangue, pero soamente semella. Nós carecemos de selección de fútbol, e, aínda cando a armamos, sobreentendíaselle a categoría nivel intermedia na administración -por riba da provincia, por baixo do Estado-. Como somos unha nación campesiña transmutada en sociedade de servizos sen previo paso solvente pola industria, de sempre potenciamos un aforro poderoso. As caixas foron as nosas seleccións, con eses carteis que mirábamos con fachenda porque os nosos cartos e os herdados dos nosos pais atopábanse recollidos agarimosamente aí dentro. No cumio da pirámide estaban Gayoso e Méndez -tanto monta, monta tanto-, pero na base ancha aparecían os nosos nomes, inmortalizados na primeira folla das cartillas. Os nosos euriños eran traídos de aquí e levados para alá por un señores delgadiños e elegantes que nos saudaban ás veces -ao seu xeito, sen xestos- dende o Telexornal. Pero os especuladores de Roth botáronos de aí arriba e os nosos referentes quedaron desdebuxados. Nin eu son capaz de dar sen pensalo os nomes dos xestores actuais. Vén sendo coma a Doma e Castración de Galicia de Fernando e Isabel, aquela operación militar que rebaixou a altura física dos nosos castelos e tamén a altura física dos nosos nobres. Rexeitabamos castelos e nobres, pero eran nosos. Os forasteiros tampouco deron un resultado máis convicente e, por riba, eran forasteiros.

Photo: William Klein.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 588
Publicité