UN REVOLVER PARA CADA QUEN
JOHN HOUSTON trasladou o equipo que ía traballar en A noite da iguana a un espazo salvaxe, luminoso e aillado. Agora calquera escaparate dunha axencia de viaxes terma de fotos de Puerto Vallarta, pero nos anos 60 rodar alí debía de ser tan desagradable como facelo no deserto de Atacama. Ava Gardner, Richard Burton e Joan Crawford logo se decataron de que, senón morrían de calor, morrerían pola picadura dalgún bicho sobrevivinte ao meteorito que erradicou os dinosaurios. Houston sabía que os artistas ofrecen creacións que non se lles imaxinaban cando se preme neles en condicións radicais. El apretou unha volta máis a torca entregando a cada actor un revolver con varios nomes: os dos seus compañeiros de reparto. Agustín Fernández Paz someteuse a unha proba equiparable cando escribiu As fronteiras do medo. Supoño que o fixo en Vigo ou Vilalba, co que me refiro a ámbitos que lle son recoñecibles e mesmo están impregnados de agarimos para o chairego. Nos seis contos deste volume, Fernández Paz parte de lugares galegos. Están transnomeados pero custa pouco identificalos. O seu tour de force comeza cando se pon a seguir a ruta de Lovecraft, para adentrarse en paisaxes terribles e escuras da fantasía das que o lector chega a dubidar que mesmo un mestre coma el sexa quen de quitar os seus personaxes. O escritor solventa o atranco do mesmo máis inesperado e axeitado tecnicamente ao situarse na banda do mal. Actores e técnicos confiaron en Houston na tourné polo Inferno, do xeito no que todos nós debemos confiar en Fernández Paz para que nos conduza ata a casa que habita agora Lovecraft.