GRANIZADOS DE MORANGO E LIMÓN
As rapazas son novas. Sentaron en corro baixo un parasol con publicidade de Amstel na rúa do Bispo Aguirre. Os nomes de bispos vanlles ben ás rúas peonís, que adoitan ser repoludas e solemnes. As cativas visten de H&M, Bershka e supoño que outras alternativas equiparablamente internacionalistas e igualitaristas. Deberíanos deixarnos de circunloquios e recoñecer a Amancio como o home que conseguiu aplicar nun plano real as ensoñacións resentidas de Karl Marx. As mozas beben granizados de morango e de limón mentres falan de traballo. Hai un iPhone na mesa. Evalúan, cun ton grave e informado, repensando as palabras como se fosen José Terceiro, as posibilidades de que as contrate o novo McDonalds. Unha volta máis na súa uniformización, a laboral. Alberto Grandío tenme contado que o seu pai, que era dependente, traballaba todos os días da semana. Ao xubilarse debeu de reparar en que o seu corpo lle reclamaba todo o sol que non lle dera no interior do comercio e marchou para as Canarias, onde aprendeu a falar español. Supoño que a ese home lle sorprenderá o prestixio que acadou entre a mocidade o seu oficio.
photo: Matthew Dunleavy
