IRSE A EXTREMA EUROPA
Cando imaxino o futuro dos meus fillos, sempre me aparecen transformados fisicamente por un par de décadas e falando linguas estranxeiras. Na proxección involuntaria de imaxes futuras adoito imaxinalos en Londres, en Berlín ou en cidades a unha hora de voo de extrema Europa, que escribiría Claudio Rodríguez Fer. Tínxeme de tristeza non ensoñalos no meu país, pero esas visións nunca collen forma. Supoño que teño interiorizado que eles, e outros rapaces cun certo abano de posibilidades, non van contribuír a que Galicia mellore. No fondo, recoñezamos que a propia nación leva renegando de si propia dende o século XVIII, cando, sendo a máis rica da Península, investiu os excedentes en igrexas para rezar e en pazos para gozar. O resultado é que temos un barroco excepcional, mesmo un barroco singular, pero aínda non aprendemos a arriquecermos con el, que non digo que sexa imposible. Ninguén se preocupou de formar e mellorar os bos cerebros que, como en todas partes, ían aparecendo. No canto diso, o gran interese era irse a Madrid, como lle propoñen pailanamente a Jabois. Penso arestora en Rosalía e, sobre todo, en alguén tan excepcional coma Emilia Pardo Bazán, pero son meramente dous exemplos de entre milleiros. Agora volvo encarreirarme como pai polo mesmo camiño, pensando en que o futuro dos meus fillos materializarase en irse a Extrema Europa.
Photo: Mattias Lindbäck
