NIETZSCHE COMO ACTIVIDADE EXTRAESCOLAR

Este ano morreu un pensador español importante. Tamén Eugenio Trías. O mes pasado marchou Marcelino Zapico, o meu profesor de Filosofía en Ribadeo. Tiven algún docente máis de pensamento, pero unicamente me lembro a el. A imaxe que reconstrúo é paseando en clase, de norte a sur, coas mans acariciándose nas costas mentres nos alumaba cos clásicos gregos. Sabía que era de Sotrondio, da Asturias mineira, áspera e revolucionaria. Porén, meteuse a cura. Iso si, de militancia xesuítica. No 1968 alporizou aos seus publicando Estado laico o Estado confesional (Euramérica), unha chamada ao respecto espiritual canalizada por un crente que acabou abandonando o sacerdocio. Imaxino que nunca se apartou moito da súa vocación, coma Graham Greene andaba sempre onda o sacerdote ourensán Leopoldo Durán. Como actividade extraescolar ás súas aulas lin a Nietzsche en Alianza: Así hablo Zaratustra, Ecce Homo, etc. Non dei abranguido a súa complexidade. Daquela non podía supoñer que habería película: O cabalo de Turín de Béla Tarr. Intúo que a Zapico discreparía do alemán. O meu profesor de Filosofía practicaba todos os días dúas actividades que elevan o home cara ao ultrahome nietszchiano: andar e pensar. Camiñaba durante horas dando un longo abrazo á contorna ribadense. En todos os anos que seguiron ao bacherelato asistín ao espectáculo de miralo adentrarse nas rúas da vila con aire de desfile, coa prestancia dun xeneral victorioso. A Marcelino Zapico gustáballe reflexionar no xeito no que o defendeu Trías en Pensar en público(Destino): a eito e por diversión.
Imaxe: 'O cabalo de Turín' de Béla Tarr