O BAR DO RITZ, LIBERADO
Kjell Adskildsen asegura que "todos temos algún incendio no pasado". O escritor noruegués ten un libro desacougante publicado por Lengua de Trapo, pero tiro a cita de Os xornalistas utópicos (Xerais), de Manuel Veiga, unha novela que desestabiliza en igual medida. O periodista monfortino traza unha ficción paralela ao seu pasado como estudante no Madrid no que coñeceu a traballosa mutación da ditadura nunha democracia e, posteriormente, como director dun xornal vigués. O seu personaxe axeixa con escepticismo ás elites comunistas “que tratan de arredalo dunha maioría que se sente feliz de encarnar unha época cargada de novidades”. Manuel Veiga ten unha mirada tan ampla que simultanea as descricións polas mobilizacións esquerdistas na facultade coa sorprendente crónica dun mitin no que o líder de Fuerza Nueva, Blas Piñar, arenga a rapaces paramilitarmente uniformados. A constatación da violencia que axitou Europa nese tempo, dende a Baader Meinhof a Galindo, fornece o texto. O prezo pagouse e non deberíamos esquecer o gravoso que foi, parece advertir Manuel Veiga. Acaba dando a razón ao siciliano Leonardo Sciascia por deixar o xornalismo para escribir novelas de misterio. A única violencia que acepta Veiga é a máis remota, a hollywoodiana de Hemingway berrando por Sylvia Beach nas rúas de París aínda cos derradeiros francotiradores alemáns que ameazan dende os andares altos dos edificios en ruínas. O escritor presentouse á fronte dunha ringleira de jeeps na rúa de Shakespeare & Company, a libraría de Beach. Tras atopala, bícaa e volve despedirse. "Onde vas?", pregunta Sylvia sorprendida. "Liberar o bar do Ritz!"