¿ERES DE LA ETA?
Kepa Junkera chamoume desconcertado. Nunha entrevista que me concedeu onte pregunteille por un seu apoio aos dereitos dos presos de ETA que relacionei coa anulación da Doctrina Parot. A cuestión era tanxencial nun contexto xeral referido ao seu disco Galiza. O músico contestoume, coa mesma cordialidade e sensatez ca no resto do noso diálogo, que el desexaba un remate civilizado ao conflito vasco. Alguén leu perversamente a entrevista e reprochoulle simpatía cos terroristas. Junkera faloume coa dor impactada do adolescente que descubre a maldade do mundo sen unha asunción gradual. Eu non daba crédito ao reproche nun músico que leva trinta anos saíndo do seu país para dar concertos, mesmo en épocas nas que os coches bombas e torturas eran un costume autóctono. Como nacín en Bilbao levo dende neno contestando á consecuente pregunta de ¿Eres de la ETA? O retruque que me asalta é: ¿A túa nai segue traballando no mesmo local de luz vermella?, pero sei conterme. Acepto esta identificación dos malvados ignorantes como unha choiva preguizosa. Debe de ser que teño o mecanismo da paciencia mellor engraxado do que eu calculaba.