Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
29 mars 2017

O TRONO DA RAG E A POLONIA DE UBÚ REI

Ubu-the-King (1)

O MÁXIMO EXPERTO en Ubú Rei do país é un pintor lucense. Quique Bordell ama ese humor axitado e inane que ataca ao poder. Unha mañá, no seu estudo —un museo do surrealismo— Quique preguntoume se leo en francés e logo regaloume un exemplar da obra teatral que Alfred Jarry estreou en 1896. Non contextualizou o agasallo con explicacións. Retoume tacitamente a compartir a súa capacidade para a retranca ou a sentirme estúpido. Ubú, xa sabe, é un soldado que derroca ao rei de Polonia e convértese nun Tirano Banderas.

Rocío Cortés preguntoume o outro día, cando falabamos das manobras orquestales na escuridade para presidir a Real Academia Galega (RAG), se é tan importante dirixir a institución. Socialmente, non; pero subxectivamente é a cabalgada desbocada das Walkirias cara a ningures. Quero dicir que, para o grupiño de cincuenta persoas que rexe os opacos e erráticos destinos da cultura galega, supón facerse co trono de Polonia.
As escaramuzas empezaron. A doce días do cese de Alonso Montero como presidente, vaise celebrar un pleno para escoller sustituto. Foi un movemento rápido e sorpresivo da directiva en funcións. Eu sentíralle a Henrique Monteagudo que ía fomentar un consenso propio da letra de Schiller que se canta no Oda á alegría de Beethoven. Debería ter empezado hai dous anos porque hai emocións feroces abertas que non curan con mercromina. Os ferrinianos aínda afían as baionetas pola delación de 2013 e os galácticos non desculparon as acusacións que soportaron. Non vou escribir que Ferrín e os seus sexan Antón e os Inocentes porque non o penso; pero a forma de derrotalo, sibilina, está lonxe de ser correcta.
Pero ben, o martes temos asemblea e Víctor Freixanes preparou o enxoval da noiva. Tampouco vou escribir que Freixanes é Isaiah Berlin —nin sequera Giangiacomo Feltrinelli ou Chimen Abramsky—, pero xa resucitou o Lázaro que era Galaxia cando a colleu nas súas mans decididas e poida que agora prolongue a xeira de Alonso Montero para sacar a Academia da opacidade na que a meteu Ferrín.
Confío en que os recursos dialécticos na RAG van ser diferentes aos despregados na asemblea de Anova, onde uns militantes de Xeira expuseron a couces o seu argumentario. A organización reflexionou e concluíu que «a agresividade e a violencia entre iguais é unha forma estrutural do patriarcado». O patriarcado é a Pedra Rosetta interpretativa da realidade que usa esquerda popular. Xeira sentenzou «talleres de formación sobre despatriarcalización das prácticas socio-políticas». Temo o peor. Afirman no seu Facebook que Joseph Göbbels organizou «constantes campañas tratando de atemorizar ao pobo coa imaxe de Stalin, ensuciándoa con milleiros de supostos crimes, legado que recolleu a prensa dos Estados Unidos durante a denominada Guerra Fría». Non atopo excusa para tanta ignoracia máis que un fervor que lles cega o intelecto.
O negacionismo cúrase con lecturas. Hai milleiros delas sobre as salvaxadas que mandou perpetrar Koba na URSS, polo que os propios «enxeñeiros da alma» —como chamaba Stalin aos seus intelectuais de garda—, sobre os que Isaiah Berlín augurou que «nunca pasarán á Historia como pasou Boris Pasternak». O KGB inflixiu ao autor de Doutor Zhivago un variado catálogo de censuras para poder publicar Doutor Zhivago. Ao cabo foi o editor Giangiacomo Feltrinelli —tan multimillonario como comunista— quen logrou quitar o orixinal do país dos soviets e publicalo en varias linguas. Non vou ocultar que, despois, a CIA traduciu a obra ao ruso para reintroducila na URSS. Iván Tolsói dá os detalles en La novela blanqueada. El doctor Zhivago de Pasternak entre la KGB y la CIA (Galaxia Gutenberg). Pasternak, que se horrorizaba coas couces políticas, acabou sendo utilizado por Ike Eisenhower.
Feltrinelli morreu subido a unha torreta da luz mentres intentaba deixar Milán ás escuras para espertar ao pobo do seu solpor revolucionario, e, ao tempo, axudou a Chimen Abramsky a reunir a mellor biblioteca sobre socialismo do mundo financiando as súas viaxes. Abramsky era un bibliófilo xudeo consagrado ao estalinismo —como conta o seu neto Sasha Abramsky en La casa de los veinte mil libros (Periférica)— ata que uns palestinos mataron ao seu sobriño Jonathan sendo un rapaz e puido acceder a El libro negro, onde Vasili Grossman detalla a estratexia industrial aplicada por Hitler para exterminar xudeos en Rusia. Abramsky quedou estupefacto cando soubo que Stalin prohibira a súa publicación. Tras o período de loito polo devoto de Koba que fóra, Chimen Abramsky dedicouse reunir a súa segunda mellor biblioteca do mundo: unha dedicada a tema xudeo.
A única solución ao espanto é rirnos del. A boa noticia é que Talía Teatro vén de estrear en Santiago unha versión irlandesa de Ubú Rei, a mala é que hai un xuíz que imputa ao concelleiro coruñés José Manuel Sande por un cartel de Entroido de Alberte Guitián. Unha cristiana lucense sentiuse apelada pola imaxe dun borracho disfrazado de papa. Coa man dereita «perdoa como católica» e, coa esquerda, denuncia. Así nunca quitaremos o carro da civilización do fango.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 588
Publicité