FUNCIONARIOS MISAN NO RITO DE TRENTO
EU SEI QUE O SECRETARIO xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas, é intelixente. Seino porque usa lentes. O seu razoamento é hegeliano: pide que coñecer a lingua dun virreinato de España non sexa requisito para ser funcionario. Quere rebaixar o galego, o vascuence e o catalán a mérito, a palmada nas costas, a guinda no pastel, a apreciación sobre o Código Civil dun pasante de bufete. O secretario-cidadán explicouno de xeito elocuente: os profesores da asignatura de Catalán deberán saber español para dar clase e mesmo «se les valorará» que saiban catalán máis que «se le valoraría a un cirujano». Ao cabo, para aprender a usar o bisturí de láser soamente se precisa saber castelán porque xa lle traducirán as instrucións do inglés.
Como José Manuel Villegas milita nun partido liberal, dou por suposto que leu A liberdade pasou como unha tormenta. Nese libro, Saint Just aconsella que os burócratas que estean en contacto cos administrados sexan «populares, paternalistas e domésticos». El fantasía con restarlles aos funcionarios destinados na retagarda administrativa o traballo de aprenderen idiomas, dado que ben poden comunicarse entre eles na lingua de signos.
Por visionario que sexa o secretario xeral de Ciudadanos, non repara en que propón que se interpoña unha babel de confusión entre os empregados públicos que atenden a cidadáns e o resto. Vou convidalo a Lugo un segundo sábado de mes. Ese día, un sacerdote misa na capela do Carme segundo o rito de Trento, que é igualitario: amosa a mesma caluga a todos os fieis e fala de Deus na lingua que nos une, o latín. Dende Fisterra ata Constantinopla todos os fregueses comprenden a palabra divina, felices de estar a salvo desas linguas vulgares nas que se deturpou a latina. Villegas nin imaxina as conversas frescas que manan á saída da Capela do Carme nin a vivacidade coa que brotan as citas de Virxilio unha vez que os falantes se senten liberados da imposición.
Espero que, despois de ver unha misa tridentina en Lugo, considere a miña proposta de que os empregados públicos falen co administrado dándolle ás costas e no latín baixoimperial que mamaron na casa.
O empresario vigués Sanjurjo Badía defendía que «o interese abre a porta de todos os entendementos», polo que el non falaba outra lingua que a galega. Nunca un negocio perdeu por culpa do idioma. Sanjurjo reparou o iate de Jules Verne na súa segunda estadía en Vigo, en 1884. Existía a lenda artúrica sobre que Sanjurjo e Verne se cartearan, que era o que facían os namorados antes de cepedear en Instagram con Aitana. O maior sabio no escritor francés, Piero Gondolo della Riva, reiterou no congreso verniano que se celebrou estes días en Vigo que «nin se coñeceron». Della Riva avala a súa afirmación cos diarios de viaxe do escritor, onde hai apuntamentos sobre a cidade galega.
Os seareiros de Cepeda —o concursante ourensán de Operación Triunfo— sabemos que o amor pode converternos en Príncipe de Mondoñedo ou en Rey das Tartas, sabemos que ninguén pode ter todas as culpas por querer e ninguén pode almacenar as excusas todas para rexeitar ese cariño. Os cepedistas asumimos a indiferenza de Aitana, aceptamos que este ano a primavera chegará máis tarde porque a luz non deixa de encarecerse, asumimos que «tristeza não tem fim, felicidade sim».
Malia resignarnos, os alentadores de Cepeda defendemos que hai que expresar os sentimentos en calquera circunstancia; mesmo nunha novela, como fixo Mary Cholmondeley en A traba (1902). A editorial Hugin e Munin vén de traducila a un dos idiomas que Villegas nunca aprenderá.
Esa obra vitoriana narra un triángulo de amor tan bizarro e tan común como calquera outro. A protagonista, Mary, ama a Jos, un soldado que loita en Exipto. Mary mímalle a ausencia en Londres. Ao regreso de Jos, ela confunde a felicidade evanescente coa tristeza infinda cando o soldado namora de Elsa, unha rapaza que bebe os ventos por Lord Francis. Mary intercepta unha carta na que o nobre confesa que soamente pretende desflorar a Elsa antes de abandonala. Lord Francis está casado cunha fortuna e non hai nada máis estable que un matrimonio financieiro. Mary pode evitar a catástrofe,pero cala o que sabe sobre o infiel porque busca a desgraza para Jos e Elsa. Biólogos de Houston descubriron estes días que os celos dan devorado un corazón humano en dúas trabadas.
Supoño que os personaxes de Mary Cholmondeley poderían falar entre eles nesa lingua tosca e septentrional que é o inglés —amansada polo francés no século XI—. Sen embargo, deberíamos coidarnos de que os funcionarios non perdan autoridade por contestarnos no mesmo idioma no que os interpelamos.
Podería acontecerlles aquela desgraza que desesperou ao Xapón trasa derrota de 1945. Kenzaburo Oé relata que «os adultos sentaron arredor da radio e choraron. Os nenos xuntáronse no camiño de terra e bisbaron descontentos asombrados e decepcionados» porque o emperador Hirohito se dirixira a eles pola radio «cunha voz». Nunca antes imaxinaran que o Soberano Celestial falaba coa vulgaridade fónica dun administrado.
E ata aquí chegamos os catro. Falando cada quen no seu idioma: Villegas, no idioma de cavar trincheiras; Cepeda, no idioma de cantar a desesperación; Mary, no idioma de prenderlle lume ao seu resentimento, e eu, escribindo en galego. Hai algo que nos une por riba de que usemos linguas incomprensibles entre nós: a sensación de sermos rarezas, como unha misa tridentina nun sábado de Lugo.