Fran lembra un comentario que debín de facer en nalgunha ocasión reflexionando sobre que os poetas carecen de discurso sobre a súa obra porque a poesía é, en moitos casos, un xogo de palabras. Fran, intelixente como é, pon un exemplo que eu non podo rexeitar. Hoxe matizaría o meu apuntamento xeralizándoo a que os artistas principiantes non saben artellar discursos. Pelexo a cotío con pintores que me din que a súa obra fala por si mesma (e por mais que pegue a orella non a escoito) e con músicos que afirman que o seu grupo non ten un estilo definido e que non se inspira en ningún outro (algo milagroso). Co tempo, todos os artistas van gañando en expresividade, pero os pintores son os campións de erixir teorías do mundo sobre unha raia riscada nunha tea. A plástica actual despreza o talento e a sabedoría técnica e histórica para centrarse nun discurso cheo de palabras e baleiro de contidos. O que me desconcerta é que se lles acepte o xogo.

(Por certo, hoxe o pintor Pedro Sánchez tivo que informarme de que Turner foi, sobre todo, acuarelista e eu ignorándoo... ¡Mimá!)