Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
14 août 2009

PECHA OS LIBROS E VIVE

O peor do que rodea ao libro son os lemas de promoción para que os rapaces os lean. Falan das “aventuras dos libros” ou de que “os libros son os teus amigos”. O primeiro dan gañas de calzar unhas botas para salvar a lama, pero o segundo convida a ir ao psicólogo para solucionar os atrancos de sociabilidade: a ninguén se lle ocorrería buscar apoios para a ecoloxía convidando a amigarse cun contenedor. As aventuras dos libros están fóra das páxinas entintadas, malia que non lonxe delas. Eu atopábaas nos veráns de cando rapaz na biblioteca municipal de Foz. Había aventuras de mares lonxanas, que traían canda eles os pesqueiros que chegaban ao porto cunha enchenta de xoubas e unha coroa de gaivotas. Os superheroes andaban na zona tamén. O Xico era un dos meus favoritos. Nunca mirei na televisión un vixilante da praia que asimilara tanto raio uva e tanto exercicio. A 'xiconave' era unha pequena canoa coa que podía atravesar ondas tan altas coma o Club Náutico, o edificio de tres andares que acollía a biblioteca. Como rapaza a salvar dos malos tiñamos á bibliotecaria; morena, guapetona; se cadra soamente tiña corenta anos, pero facíasenos adultona. A maiores dela, admirábamos o seu mozo, un señor de boa planta que parecía traballar nun banco. Gozaban un noivado de longo percorrido. Cando el viña buscala, prendía a ilusión nos ollos dela e ordenábanos de recoller. Metíalle présa pasearen o seu amor polo parque adiante e polo parque atrás, sorrindo aos veraneantes e apreciando o bonito sol cos lugareños. Agora ignoro onde ficaron as aventuras aquelas. As xoubas xa non se regalan nas festas veraniegas e O Xico finou porque era un superheroe sen xen da inmortalidade. Nunca souben se a bibliotecaria e mais o seu mozo de boa planta deron en casar, algún día pasarei pola biblioteca de Foz para coñecer o remate desa novela.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité