Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
5 juin 2011

QUE CULPA TEN O COGOMBRO?

Que culpa ten o tomate?, preguntábanse Jorge Coira e outros directores nun documental sobre o proceso de cultivo, distribución e venda desa hortaliza en varias paisaxes do mundo. Mirando estes días os cogombros -verdes e inocentes-, nas bocas nada verdes e nada inocentes de diversos políticos alemáns e españois, reformulei a pregunta do filme. Os representantes públicos teñen a teima de darse baños de Palomares cada vez que hai unha crise alimentaria, sexa carne de vaca, con Celia Villalobos facéndolle a campaña a Avecrem, ou sexa a conselleira andaluza de Agricultura, Clara Aguilera, engulindo un cogombro.

Debo recoñecer que Federico Jiménez Losantos leva a razón na apreciación de que a dereita -Rajoy, Cospedal, Aguirre, Camps,...- preparou mellor a súa performance. Amosaron lascas de cogombro coidadosamente peladas dispostas nun prato mentres que Aguilera expúxose fotografar rillando un cogombro enteiro coa mesma falta de decoro que derrocharía unha famenta Rosa de Benito en ‘Supervivientes’. Asinto o afeamento de conduta do xornalista aragonés por moito que siga sen perdoarlle aquela campaña explícita e salvaxe contra o cava catalán, naquela emulsión torpemente maridada entre nacionalismo e economía. O asunto é que os políticos acreditan en que imos lanzarnos en enxurrada consumidora ás froiterías porque o promovan. Para tratar de convencernos, deberían elaborar un chisco as súas postas en escea e, cando menos, aderezar a carne banca do cogombro con aceite e sal. Moito gañaría a agricultura andaluza se cortasen toros de medio centímetro e lles botasen unhas pizcas de Maldon e unhas pingas de oliva virxe extra. Non deixa de ser un clásico do verán en moitas cociñas domésticas, pero seica hai que lembrárllelo.

Os votantes da señora Cornelia Prüfer Storks, conselleira de Sanidade de Hamburgo, adoitan comelos bañando as lascas de cogombro en leite nun prato fondo ata cubrilos. Aliñan a seguir con aceite, vinagre e sal. Eu teño probado estupendos cogombros nun prato de horta á grella e mesmo ao forno, e téñoos gozado recheos de ovo cocido con cunha mestura de mahonesa, pementa branca e pirixel.

Pero xa que estou entrando en confianzas con Prüfer Storks, case que me atrevo a suxerirlle un xeito de cociñar o cogombro ben curiosa. Mesmo poida que saiba dela por ser turco. Hai que pelar os cogombros, lavalos e cortalos en dados cativos, que se salgan. Por outra banda, hai que picar fiúncho e eneldo que se mesturan con aceite. Bótase todo sobre os dados e engádeselle iogur, sal e pementa. Tras deixalo enfriar, sérvese con noces picadas por riba. Receitas coma esa evitarían aos políticos forzar o xesto para a foto. Mirándoos acórdanseme os figurantes dos anuncios, que teñen que probar unha e outra vez o produto ata dar coa toma correcta.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité