UN COSTUME VINTAGE
As esceas que máis me prestan da película Marcado por el odio son esas nas que os amigos e veciños do boxeador Rocky Graziano seguen pola radio a evolución dos seus combates. Esas voces hertzianas remiten a un mundo antigo, no que a información circulaba por medios menos explícitos, no que se confiaba todo a un narrador. Eses xornalistas era quen de recrear en nós un pavillón polideportivo no que dous homes se golpegaban cun poderío que soamente o pintor George Bellows deu plasmado. Esa inquedante fascinación volveu visitarme nestes días atrás coa cámara enfocando unha cheminea sobre un tellado vaticano. Serviume para recuperar a emoción posterior ao pasamento de Paulo VI que precedeu á elección de Xoán Paulo I en 1978. O televisor en branco e negro alentaba a forzar a vista para discernir a cor da fumata. A Real Academia Galega tamén acertou a gardar a atracción do oculto. Méndez Ferrín contestou irado a unha xornalista que lle preguntou pola orde do día para o plenario no que marchou. A carraxe provocoulla que coñecese un documento que el presumía privado. A opacidade ten o encanto dos costumes vintage. Outros usos son novidosos e escasos, pero que parecen antigos e xeralizados. Por exemplo, dimitir cando un percibe que lle chegou o tempo. Esa práctica uniu a Bieito XVI, Méndez Ferrín e varios membros da executiva da UPG. Nunca tal pensara.
Image. Dempsey and Firpo (oil on canvas. 1924) George Bellows