Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
17 octobre 2013

A ESPADA CELESTIAL NO HÓRREO

boxeo

Alberto Núñez Feijoo é un home con sorte. A miña sensación nestes anos que nos leva gobernando é que se sente máis cómodo cadrando un balance que argumentando unha idea. Para o debate da nación destes días todo o que nos achegou é un ridículo medio punto de baixada nas rendas medio-baixas, que case podía quedar con el, e a paralización cautelar dunha macromina. Supoño que estaría preocupado con esa triste carteira de alegrías, porque o sector lácteo e o mariñeiro están desaparecidos en combate, e os floteis empezan a parecer a herdanza desa tía rica e vellísima que nunca dá morto. O presidente acudiu ao encontro coa oposición sen dialética, pero sabedor de que, unha vez máis, había de contar coa lealdade institucional de AGE. Beiras e Iolanda Díaz enchen todo ese espazo baleiro do hemiciclo a base de boureos, exabruptos, insultos, citas cultas e ameazas que axordecen todo intento de Méndez Romeu e Jorquera por apuntar as eivas do executivo. Beiras afirmaba o outro día que a xente lle felicita pola rúa: "Dinme que eu falo como falarían eles se estivesen no Parlamento". Ese é problema, que Beiras non é un vendedor de froita do Preguntoiro nin unha señora da Algalia que non imaxina como pagará o aluguer. Beiras é un representante no Parlamento e debería axustar o contido do discurso a esa condición. Se o seu papel me resulta tosco, aínda lle atopo brillos de oratoria florentina se o comparo co desenvolto onte por Ana Pontón. Nada máis ridículo ca unha cultura impostada. O máis terrible de moitos blogues é que o seu percorrido intelectual empeza en Rosalía e avanza ata Castelao. Manéxanse con eses dous manuais: Rosalía se falamos de patriarcado, Castelao se a redacción a escribir é sobre a patria asoballada. (Por que non deixarán as intervencións a Carme Adán?) Atila na Galiza, dicía Pontón. O tempo para ler non sobra, polo que lle recomendo escoitar unha emisora de testemuñas de Xehová que me divirte cada noite co seu verbo de espada celestial rabenando cabezas ateas. Atila palizas, en fin. A todo isto, non entendo o empeño de Feijoo en respostar á outra banda da cámara. Abondáballe con ceder todo o espazo aos berros milenaristas. A súa oferta gubernativa para os vindeiros meses quedou intactamente esquecida sen necesidade sequera de que murmuriase o seu rogo da educación precisa nun foro coma o Parlamento galego. 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité