Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
26 novembre 2016

TI QUERES ISTO MÁIS ESCURO

 

img_0718_2_2

A superlúa foi unha megadecepción. Os únicos espectáculos irrepetibles son os naturais, por iso os valoro tanto. A seguinte superlúa brillará en 2034, seica. Non sei se estarei vivo daquela; nin sequera se terei ganas de estalo. Leo a Emile Cioran, o pensador romanés que naceu no Imperio Austrohúngaro, en Adiós a la filosofía (Alianza, 2016): «O feito de que a vida non teña sentido é un motivo abondo para vivir». Outro motivo pode ser mirar a superlúa de 2034 e acordarme da superlúa do pasado luns. Asomei á noite pola ventá da cociña, pero atopei contaminación lumínica en forma de néboa. O martes puiden ver, por fin, a sota de ouros amarelecendo o tellado de enfronte. A intensidade era a propia dunha lúa de verán.

Arrastrei a miña decepción cara a outro espectáculo, o cinema. Agora podes repetilo cando queiras. Puxen Taxi driver, de Martin Scorsese. Robert de Niro é un chófer solitario e feroz. Supoño que a película trata sobre a gloria, sobre a necesidade que temos de que se cumpra esa vida de prestixio e riqueza que promete o televisor co asentimento dos pais. Leonard Cohen, un triunfador, partiu dende o alto: «Dicíanme que era descendente de Aaron, o primeiro sumo sacerdote do pobo de Israel, irmán maior de Moisés».
Os nosos proxenitores ocultáronos que dar asumido que seríamos parte da mediocridade nos ocuparía toda a vida. Para cando o temos aceptado, sometemos os nosos fillos á disciplina que lles debuxamos nos nosos cadernos de futuro.
Oscar Wilde dicía que tan terrible como non cumprir un desexo é cumprilo. En ambos os casos esgótase a ilusión. O taxista que encarna Robert de Niro ten unha inmensa expectativa sobre si mesmo, polo que se propón matar a un candidato demócrata á presidencia de Estados Unidos para remediar a soedade con fama. Como non o logra, mata varios homes que escravizan unha prostituta. A rapaza traballa para eles sumisamente porque é demasiado nova como para saber que o destino é reparable.
Leonard Cohen tiña unha expectativa planetaria sobre a súa carreira.  unha expectativa sideral. Ambos os dous morreron con pouca marxe, unidos polo destino; ambos os dous finaron logo de quitar un disco de autohomenaxe. Hai que ter moita devoción por un mesmo para concentrarse en gravar unha serie de cancións sabéndose en tempo de desconto. Contra a fin de Taxi driver o chófer é elevado á gloria. A sociedade, que o tería condenado se chega matar un político, prémiao por matar un proxeneta.
O taxista cumpre a súa expectativa porque erra o disparo. Bowie acertou ao publicar Blackstar, un álbum para o que elexiu coidadosamente o acompañamento de Donny McCaslin Quartet. A banda pechou onte o Festival de Jazz de Lugo, esa epifanía anual.
Eu nunca apreciei a música de Leonard Cohen. Os seus discos transmitíanme o cinismo dos depresivos. Sen embargo, lin a Cioran e sigo facéndoo con devoción. Se Cioran crese na terceira parte do que escribía, teríase suicidado antes de publicar o primeiro libro. Un amor que tiven na vintena definía a Cohen como «sensible e melancohólico». Pero este álbum de despedida, You want it darker interesoume. Soamente ten nove cancións, pero levo varios días escoitándoas en bucle. O castigo de ser obsesivo. Os temas deste disco parécenme algo diferentes ao anteriores: expresan morriña austrohúgara, triste ironía xudea; sobre todo nas letras, que son crónicas dunha persoa que quere pactar o seu pasamento con Deus, pero é incapaz de crer nel.
O mércores linlle a Manuel Veiga no sobresaínte libro Todo ser humano é un río (Xerais) unha cita de Mallarmé que viña dicir que somos uns animais tan sofisticados que inventamos a Deus. No seu derradeiro disco, Leonard Cohen convenceuse inutilmente da súa expectativa a respecto dunha superestrutura intelixente que nos rexe.
Un par de meses despois de morrer o meu pai, a miña nai despexou levemente a dor intensa e puido mirar con lucidez. Daquela empezou a considerar a idea de liberar o espírito do seu corpo para reunirse co seu home. Como católica, sabe que a alma é un éter ligado dun xeito indisoluble ás células, que soamente pode saír delas se falecen.
A miña nai nunca leu a Cioran, sempre foi máis de Agatha Christie. Nas novelas da autora inglesa a morte non é unha traxedia, senón o elemento que pon en marcha o mecanismo da intriga. A miña nai logo desbotaba a intención nihilista «porque es un pecado». Alegrábame de que seguise ese criterio moral, aínda que me pareza ilóxico.
Pregúntome estes días se eu volverei á relixión da infancia cando a idade me empuxe de xeito irreversible cara á morte. Supoño que me pasará como a Cohen co seu Deus, o Iavhé xudeo: que non darei crido por grande que sexa a miña expectativa de poder pactar a miña morte con el. Supoño que me pasará como a Cohen, que non lograrei crer no Deus da miña tradición. Como canta en You want it darker: «un millón de velas acesas pola axuda que nunca chegou/ ¿quérelo máis escuro? Mataremos a chama».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 401
Publicité