Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
24 mai 2017

HEROES E REVOLUCIONARIOS NOS BISTROTS

économiste-bistrot-3

O POETA ANTONIO Tovar debeu de ser un home superfluo. Vivía de soñar plans quinquenais para unha futura República Soviética Española nun curruncho clandestino ao que se accedía por unha porta discreta da Librería Tanco, fronte á comisaría da policía no Ourense franquista. Tovar repartía a santa doutrina marxista en follas volandeiras que deixaba caer distraídamente pola cidade; sempre acompañado polo seu can, Compañeiro Líster.

Un día os amigos preparáronlle unha homenaxe no Restaurante O Pingallo. Non sei o motivo. Tanto tiña, supoño. Encargaron un bo xantar —con botellas de tinto Crego e Monaguillo, que elaboran en Monterrei—. Escribiron discursos con eloxios tan desmesurados que soamente un poeta pode tomar en serio. Chegada a hora, unhas trinta persoas reuníronse no bistrot. Tovar non aparecera. Sentaron á mesa para agardar polo homenaxeado. Picaron pan con algo de xamón, chourizo ou olivas Banderilla, a gusto de cadaquén. Media hora máis tarde, preocupados, chamaron a Antonio Tovar. «Si, ben sei o da homenaxe; pero é que eu xa xantei!», respondeulles.
Supoño que daquela o Pingallo, que é o restaurante ao que me levan os amigos cando vou a Ourense, era un bristrot que respondía á definición que fai o etnólogo Marc Augé en Elogio del bistrot (Gallo Nero, 2017). Augé carácterízao como un bar e restaurante que ostenta un nivel medio entre o troquet, onde o viño é bebido con urxencia, e o café, un espazo solemne e ideal para contemplar á agonía demorada das tardes.
Hai bistrots que evolucionan cara ao que Marc Augé chama bristrots bobo. En París bobo non se refire a parvo, senón que é o apócope de bohème bourgeois (burgués bohemio). «Ás veces, no colmo do chic bobo, chegan a coller pratos fast food como a hamburguesa, para dotalos nunha dignidade nova». Algo semellante aconteceu en Madrid con locais como Casa Lucio, que pasou de bistrot a museo de cera consagrado ao ovo roto.
Os amigos que se xuntaran para expresarlle o seu amor a Antonio Tovar non deberon sorprenderse cando non se presentou na cita. O escritor Víctor Campío define ao poeta ourensán como «caviloso e taciturno, sempre ausente, fuxidío e desacougado» nunha entrevista que recolle Xosé Manuel del Caño en Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado (Galaxia). Esas características corresponden coas que debuxa Ivan Turguénev no protagonista da súa novela Diario de un hombre superfluo (KRK). O home superfluo é un ocioso exento de traballar pola fortuna herdada e que se dedica a distraerse mentres combate o taedium vitae, que dicían os románticos. O home superfluo é consciente de que a natureza o tratou «como un convidado o que non esperaba».
Había máis dunha década que non lía un texto de Arturo Pérez Reverte (Cartaxena, 1951). Dos autores que son académicos da Lengua Española soamente me interesan os que escriben con destreza. E non todos.
O heroe cartaxinés debeu de sentirse como aquel Hemingway que botaba os invernos parisinos no bistrot La Closerie. Debe de ignorar que o novelista estadounidense non pretendía aumentar o seu mito parisino, senón era aliviar o frío da cidade da luz a medio gas.
Esta semana volvín ler a Pérez Reverte. Regresei ao tedio que me causa o seu coloquialismo vulgar e mal escoitado porque Marta Veiga insistiu vivamente en que soubese do artigo Christina Hendrics y nosotros. O académico contaba nel que se reunira con outros exemplares da súa especie en Casa Lucio. O columnista, de 65 anos, narraba unha anécdota adolescente e bravía de acoso á actriz de Mad Men Christina Hendricks. Unha vez asistín a unha berrea no parque natural de Monfragüe. Amencía entre as oliveiras e as sobreiras. Había unha néboa fina e pálida coma un velo nupcial. Os cervos inchaban as gorxas para bramar como se fosen vuvucelas. O macho máis vello desesperaba en facerse oír por riba do macho novo que se lle estaba impoñendo dende a primavera anterior.
Tras a publicación do artigo, tras o escándalo agardado, Reverte confesou que era ficción. Un comensal próximo confirmoume que o Capitán Alatriste asistiu a unha cea en Casa Lucio nunha dimensión paralela. Paréceme peor que o fose, porque non podo imaxinar que un heroe de guerra se degrade a si mesmo por escrito e con publicidade nin un empuxe ao ridículo maior que o perpetrado contra Manuel Jabois.
Turguénev lamentaba que, no seu tempo, había «máis hamlets que quixotes». Non estaría de máis que hoxe en día houbese menos hamlets e máis quixotes que se lanzasen aos camiños coa súa loucura débil e idealista. Tal vez Antonio Tovar foi un marxista superfluo. O seu camarada, o pintor Xaime Quessada, baleira en dúas frases a imaxe de poeta comprometido e revolucionario: «Tovar era un home tremedamente insolidario contra o franquismo; sempre se puña enfermo. Era un farsante de moito coidado. Inventaba enfermedades e fuxía. Para que fixera algo había que andar atrás del».

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 563
Publicité