O DÍA NO QUE MORREU LOIS PEREIRO
TODOS DEBERÍAMOS lembrar onde estabamos e que nos ocupaba o día no que morreu Lois Pereiro. Eu, confeso, non o lembraba ata que o lin onte en Antón Reixa. Ghicho distinto de Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido. O meu 24 de maio de 1996 era Estremadura e era calor. Ao día seguinte agardo nun Golf negro, deben de ser as dez da maña e é un páramo de terra seca con destino Cáceres. Un festival de videoarte pechado cun concerto de Nación Reixa. O coche está aparcado fronte a unha gasolineira. Antón non quería adiar unha chamada. Daquela a cobertura dos móbiles era unha complexa responsabilidade de conexión entre satélites e antenas que non comprendiamos. Alguén avisara a Anton Reixa do pasamento de Lois. Tania, a filla maior de Antón vai detrás cos seus sorrintes vintealgo; eu ocupo o asento de diante cunhas lentes anchas de pasta marrón e unha camiseta con publicidade en hebreo de Heineken. Lembro a Antón, camiñando pesadamente en roupa negra cara ao coche. As gafas escuras non lle cubren a cara. Diría que chora e asemade non o diría. Senta no coche. Non me atrevo a mirarlle a cara. Arrinca con furia. Está mallado emotivamente. Cóntanos o terrible. Chamou ao número que compartían Xosé Manuel e Lois Pereiro. O contestador atendeuno sen folgos. A voz pertencéralle a Lois.
photo: André Kertesz
