MORGANA NA CORTE DO REI JUAN CARLOS
Cada persoa vai construíndo o seu país. Avanzamos cara a territorios ideais porque a curiosidade é o combustible máis barato antes de impostos. Os colectivos tamén viven colocando laxes para empedrárense o camiño. Mesmo ás veces meten un acelerón na xeira e se concentran en mitos, costumes e gañancias que os identifican para desenvolver toda a súa potencialidade nacional. Cataluña escapa asustada e corre ilusionada. Nada novo. Todo nace para morrer, os estados tamén. Irá para un ano que eu camiñaba polas amplas salas do CGAC que Álvaro Siza deseñou en parquet e paredes brancas, como axeitándoas para sesións fotográficas de catálogos de Ikea. A exposición era de imaxes de Cristina García Rodero. A Galicia das mulleres enloitadas, os antroidos xélidos con brasileiras case espidas por Victoria's Secret, as romarías nas que se cortaba o queixo a navalla oxidada sen deixar de ser sabedoiro, etc. As súas imaxes en branco e negro son levantamentos cartográficos dun país no que eu vivira trinta anos atrás. Posteriormente, argallei outros para non morrer aborrecido da mesma xeografía. García Rodero foi contratada para amosarnos unha monarquía á que se lle esvaece a identidade. Os seus habitantes de vello confían nunha muller vida de fóra para salvalo. Escoito morganático e penso en Morgana, que semellaba condea e volveuse salvación.
Photo from the film 'The connection' by Shirley Clark