Oscar Wilde deu unha chamada perdida á vida para despedirse pedindo que o seu epitafio se lese "morreu coma viviu, por  riba das súas posibilidades". Todos levamos uns anos así, vivindo por riba das nosas posibilidades, ata que se nos apareceu Angela Merkel en carne mortal para aplicarnos unha dieta Dunkan sen extra de mozarella. A partires de agora, teremos que aprender a vivir consonte as nosas posiblidades. No fondo, de quitada a inestimable colaboración da señora Visa, todos vivimos segundo o que ingresamos e engordamos, que para corrixilo se inventaron o Banco Central Europeo e máis o Decathlon. Strauss-Khan tamén vive de acordo coas súas posibilidades, unhas posibilidades que lle permiten alimentar ese xigantosaurio que leva engaiolado na pitrina. Sacia a súa fame bíblica con todo o que se lle pon American Express. Ás veces, non lle abonda e tira da primeira camareira mildolarista que lle entra na habitación sed de mal 21para exercer o seu traballo, que é arrumar o cuarto máis ca servir de minibar sexual para o señorito. Preitos teñas e os gañes, condean os xitanos; non lles falta razón a eles, que saben que o mellor avogado do furtador pobre é a súa propia pillería, dado que soamente os ricos poden contratar os grandes bufetes. Iso, nun sistema xudicial baseado na casuística como o anglosaxón é determinante.