YOLANDA CASTAÑO É MÁIS TELEXÉNICA CA PACHI VÁZQUEZ
Richard Nixon está fascinado coa Wikipedia. O ex presidente norteamericano descubriu que mesmo sabes da túa morte unhas horas antes. No meu tempo, comentou, informábaste da túa defunción polo Washington Post. Nixon falábame mentres daba a volta a unhas salchichas na barbacoa do seu rancho californiano. A expresión mudoulle ao referirse ao xornal de Katherine Graham, que consentiu a Woodward e Bernstein coma se fosen dous netos armándolle unha chocolatada no salón. De ter Wikipedia, daría manobrado, laiouse Nixon. Despois, botouse a bradar en contra da televisión. El perdeu o primeiro debate catódico, e, xa que logo, as eleccións. Pero é como se televisan un debate entre Pachi Vázquez e Yolanda Castaño: imponse a telexenia. Dille a Rajoy que se manteña fóra dos platós, son caixas de ilusionista, aconselloume, como se eu fose Gabriel Elorriaga e puidese bisbarlle á orella. Engadiu que o avisase de mirar a moqueta por ambas as caras. Sinalei que o aspirante do PP asumía o ascenso cara ao poder cun espírito tan cuáquero como o que alentaba ao propio Nixon: sinxeleza, igualitarismo, honradez. O ex presidente retirou as salchichas, agravou a expresión tensando as bochechas para lembrarme o que escribira Norman Mailer: “Dificilmente houbo no Watergate un feito que non fose presentado como máis parvo do que podería ter sido”.