Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
24 janvier 2012

TRES NACIÓNS E UN APARTAHOTEL PARA O XACOBINO

pesasO HOME CHEIRABA coma un botelo podre. Atopeino no medio e medio da Ponte Romana de Lugo. Sentín o seu fedor antes que descubrilo a el, coa cazadora harleydavidsoniana e o vaqueiro a media asta no cú. Eu fóra correr, pero parei de vez ao velo. Impactoume mirar un home duns corenta anos, guedellas centrifugadas e barba pecha escolmando cousas nun saco de plástico de protexer colchóns e unha bolsa de deportes cotrosa que, en tempos, fora branca. O tipo analizaba vagarosamente unha botella de Coca-Cola de dous litros, que se demorou en tirar, nun donoso escrutinio que atrasou aínda trece bocados máis no caso de dúas máquinas eléctricas de barbear. Eu atendía a facer exercicio, polo que prendín novamente a carreira, deixando atrás ponte e vagamundo. O Miño adiante servía de corredor para unha caixa de cartón pequecha, como para meter unha familia numerosa de hamsters descendentes de Moisés, e varias follas do Marca -con sentenciosas declaracións de xogadores, dou por sentado-. Non foi ata cen metros afastado do examinador que se me ocorreu que nos falaba de Galicia, do xeito manso co que guindamos as riquezas e as oportunidades ao río para que marchen vagarosamente cunha inesperada vontade de quitalas de medio, como se rexeitásemos nugallosamente explotalas. Montoro falseaba hai uns días que os nostáxicos do Gran Madrid Pluriprovincial estaban lindados e foi contalo, para erguer máis sospeitas, a un periódico catalán. Sendo España un estado con tres nacións -ergo España (a), Euskadi e Cataluña- e un apartahotel, o ministro trataba de amansar as forzas centrífugas restándolle importancia aos poderes centrípetos. Non se decataba de que a goma que vai termar da impostada unidade estatal vai ser a insuficiencia económica no caso de Euskadi e Cataluña, e aínda hai un par de anos para estarricala. Galicia ten asumido o seu carácter de finca para finde montada nas aforas segundo se sae pola Carretera de La Coruña. O único Ave ao podemos montar é interno, o que nos garante que os ourensáns poidan facerlle os cumprimentos aos parentes coruñeses, pero iso non xera unha actividade económica relevante alén da industria de descargas ilegais para ir escoitando música na viaxe. Non me explico o motivo de que se antepuxese a conexión interior ao achegamento a Castela. A máis a máis, un alto cargo da Unión Europea adiaba esta semana o tren de alta velocidade con Europa sine día nin orzamento; confesaba, por ir concienciado do amargor da casca, que non albiscaba tal infraestrutura nun ciclo razoable. Con estas alegrías, negándonos a única oportunidade que nos podía salvar, que era unha relación máis intensa co norte de Portugal, damos un salto no tempo para atrás, confiando no eixo que enfía a A9. A autoestrada de pago forma unha perpendicular co Camiño Xacobeo, que deixa tan pouco rédito por camiñante que semella máis ben o Camiño Xacobino para que todo siga por onde estaba, con Galicia confimándose como un lugar marabilloso para botar uns días de lecer. Pero así non se constrúe unha Historia propia.

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 436
Publicité