Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
11 mars 2012

GRANDES ESPERANZAS

OS VIÑOS DE CHANTADA son un negocio, pero, sobre todo, unha expectativa. Esta semana conversei con adegueiros de Sabadelle, Nogueira e A Sariña. Todos eles ían avanzando no discurso de futuro que trazaban para as súas marcas e acaban no mesmo centro do rueiro: debemos organizar unha serie de actividades arredor do viño para converter esta zona nun polo turístico. Nada falta: un clima razoablemente agarimoso, unha paisaxe que fascina a cada volta da estrada, un patrimonio artístico lampexador e unha gastronomía aceptable que vai subindo continuamente de nivel no caso do viño.

WINEA Ribeira chantadina sempre me devolve ao pasado. Non por morriña dos anos 90, que tamén, senón porque ese mesmo programa de propostas de artellar visitas sobre o poliedro de emocións viñedos-románico-viño-xantar- catamarán levo vinte anos escoitándoo. Intentos houbo. Seica o Viñobús marchou ben. Foi achegando persoas interesadas, aínda que había queixas de que o prezo, máis barato cos vehículos en ruta ordinaria, era aproveitado por público de toda caste. Agora o Kilómetro 0 reaviva turisticamente a bisbarra. Pero o turismo que hai está, nomeadamente, formado por comandos itinerantes de amantes do viño e das outras formas de cultura que chaman pola súa conta e polo seu risco organizativo ás adegas para que llelas ensinen e, xa de estar, lles asen un cabuxo. Cóntase, sobre todo, coa boa disposición dos adegueiros para dedicar o seu lecer a pasear visitantes polas súas instalacións e por ir recomendando o catamarán ou un restaurante a uns viaxeiros que chegan a eles remitidos por unha casa de turismo rural. Aínda avanzamos un grao dende as sinais de fume e mesmo hai recomendacións que se fan a través de aillados correos electrónicos.

A zona avanza sostida de animación. Chega un firma de prestixio dende fóra, lease Robert Parker ou Gerry Dawes, e sentenza o que xa sabemos, que a lousa e o granito da zona xunto coa orografía e a dedicación dos adegueiros están obrando marabillas. «Non hai enólogo francés que non queira ter unha marca da Ribeira Sacra no currículo» asegurábame o outro día Roberto Regal, un sabio tan chantadino como novo. Se Parker ou Dawes tivesen probado aqueles caldos mastigables e manchóns que se producían a esgalla na comarca hai varias décadas se cadra apreciarían aínda máis ao camiño percorrido e o esforzo aplicado.O problema é que as inmensas posibilidades das que nos falan sempre os chantadinos do sector, as loubanzas a Kilómetro 0 e á promoción que realiza a asociación Lugo Sur dan a sensación de que van continuar adormentadas outras dúas décadas. «Acabaron os cartos e parece que acabou todo», queixábase un adegueiro o outro día. Acabar non acabou, porque as viñas, as igrexas seculares e a vontade renovada aínda continuan vivas e coleando.

 

 

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité