Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
26 avril 2012

AZUL CORPORATIVO CASE NEGRO

lee_friedlander

Agora xa pasou. Non manca, aínda que estea deixando a Soraya sen arsenal argumentario. Zapatero é un topónimo dun asentamento que xa abandoamos. Voulle agradecer, porque alguén debe ocuparse de aliviar as feridas, os últimos anos de Televisión pública Española. Estou proxectando a man no horizonte e colocando os dedos en perspectiva sobre o arco da vella para acariñar o pluralismo. No futuro que se nos bota enriba, a darlle a razón a Amy. Algún asesor de percorrido curto analizou as lembranzas ás familias dos ministros que se emiten decotío nos bares como "problema de comunicación". El buen paño en el arca se vende, defende o refrán castelán. O problema de Rajoy é de interpretación: mirou unicamente o primeiro capítulo de Memoria de España de García de Cortázar. Nel, un homo de Atapuerca brande unha queixada para petar contra un sacro de bisonte acompasando cada golpe coas sílabas Es-pa-ña, case como no conto de Quim Monzó. Seica nas covas xa se soñaba con Iker Casillas e Sara Carbonero. O presidente español pensou que os cincuenta séculos posteriores evolucionarían polos vieiros desa ledicia e ese instinto de unidad en lo universal, e enganouse. Como consecuencia e para evitarlle a amargura, o asesor convenceuno de que situando un periodista que tivese atendido un discurso de González Pons na Escola de Verán podería facer unha televisión que virase a pantalla a cor azul corporativo. Cando falaban, calou que o ordenador tamén dispón de pantalla e aínda calou máis que dispor dunha única canle pola que informarse entre a sesta e a partida será algo moi español, pero é outra vítima desta idiosincrasia difusa que nos guía. Se Rajoy se convenceu de que prefire unha televisión aguilloada que se ignore a unha televisión plural que se mire, non serei eu quen o intente persuadilo porque a el pagámoslle por pensar en XL e a min, non. Xa llo explicarán dende San Caetano, onde disque as contas xa non saen, e non me refiro á que rexía con poder ilustrado e amplo Carlos Orza cando reinaba Fraga.

Photo: Lee Friedlander

Publicité
Publicité
Commentaires
O CABARET VOLTAIRE. Seit 2005.
Publicité
Archives
Derniers commentaires
Newsletter
2 abonnés
Visiteurs
Depuis la création 303 435
Publicité