VALENDO O POPULAR
Margaret Thatcher foi unha defensora do capitalismo popular, unha aplicación práctica das teorías neoconservadoras de Leo Strauss, que promovía elevar o benestar de dous terzos da poboación co custe abandoar ao outro terzo no páramo da incerteza capitalista. España tomou na súa Constitución a idea do xurado popular, unha das peores institucións que se lles puido ocorrer a aqueles colonos bravos e indolentes que crearon os Estados Unidos para aliviar a Lei de Lynch. Nunca entendín que unha sociedade na que dominan os elaboradores de teorías sobre os exabruptos de Mourinho e os condescentes espectadores dun programa xeralista sobre o roubo das bragas de Belén Esteban estean capacitados para decidir se O Chucán foi o asasino ou non. Doume por contento de que non se traslade a idea aos quirófanos, para que sexa un consello médico popular quen decida se extirpa o apéndice ou non coa previa formación adquirida mirando a Jordi Rebellón en Hospital Central. Houbo un contaxio no asunto. O Valedor do Pobo exerceu o xornalismo popular opinando que as fotos daquel vertixinoso e solleiro verán do 90 "non eran de relevancia periodística". Seguro que José Pereira lle agradecía a achega á Teoría da Información e a Comunicación, pero eu discrepo de José Julio Fernández ao pensar que Xosé Hermida e Elisa Lois andaron acertados. Embarcarse non é inocente.
Photo: Daniel Polevoy